Social

Recollen sinaturas no hospital de Oza para denunciar o "risco para a saúde" das pacientes e do persoal

Hospital Marítimo de Oza (Sergas).
Traballadoras do Hospital Marítimo de Oza ​diríxense ao Comité de seguridade e saúde do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña para denunciar a "grave" situación após unha denuncia admitida pola Valedora do Pobo.

Traballadoras do Hospital Marítimo de Oza están a recoller sinaturas para denunciar a "grave e lamentábel" situación na planta de "crónicos complexos", onde aseguran que existe un "risco para a saúde" das pacientes e do persoal "polo contaxio e propagación da COVID-19", nunha carta dirixida ao Comité de seguridade e saúde do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) á que tivo acceso Nós Diario

A acción das profesionais sanitarias e non sanitarias do hospital de Oza chega após a denuncia presentada á Valedora do Pobo sobre o incumprimento dos protocolos ditados polo departamento de Medicina Preventiva na crise do coronavirus. Unha queixa presentada por un profesional que se contaxiou da COVID-19 no exercicio do seu traballo e que se investigará desde a Valeduría, como xa publicou onte Nós Diario

No seu escrito, as traballadoras poñen de manifesto os "numerosos" casos positivos de COVID-19 que se detectaron nesta planta do hospital "nos últimos 15 días". Recopilan un total de 14 casos, unha cifra que cualifican como "notábel". 

Desta maneira, explican que mentres estes casos son sospeitosos non confirmados teñen que atendelos "sen as medidas de protección axeitadas". "Tanto as máscaras FFP2 como as batas plásticas e gafas", sinalan, "teñen que usarse en varios turnos porque non hai dispoñibilidade". 

Así mesmo, reiteran ao Comité de seguridade e saúde do CHUAC, centro do que dependen, "que se carece de todo tipo de medios ou instrumentos para facer fronte á situación, non só EPIS senón test medianamente fiábeis" e solicitan que "tomen de forma inmediata as medidas pertinentes para preservar o dereito á saúde das traballadoras". 

Tamén reclaman os medios de protección "necesarios" para realizar o seu traballo "sen riscos" e evitando os contaxios do coronavirus.