A CIG denuncia a "falta" de subministros nos centros sanitarios de Lugo, A Mariña e Monforte

Hospital da Mariña, en Burela. (Foto: Nós Diario)

A central sindical alertou de que, diante das queixas, as persoas traballadoras “só reciben respostas inapropiadas de directivos da Área Sanitaria”.

CIG Saúde de Lugo, A Mariña e Monforte vén de denunciar a xestión “ineficiente , irresponsábel e restritiva que  está a desenvolver a Xerencia de Lugo” en relación coa subministración de materiais aos centros sanitarios. Desde a área de recursos económicos, cuxo responsábel último é o Xerente da Área Sanitaria, estase a aplicar “unha política de recortes e austeridade nos subministros aos centros sanitarios que repercute directamente no bo funcionamento dos mesmos e na calidade na atención ás persoas doentes”, alertou o sindicato.

Desde a central sindical advertiron de que leva “moito tempo” recibindo queixas das persoas traballadoras de Atención Primaria e Hospitalaria no sentido de que “se están a enviar cantidades moi inferiores ás solicitadas” e de que desde a subdirección de recursos económicos “se está a acusar ás persoas traballadoras de facer pedidos de materiais excesivos para despois deixalos caducar”. Porén, a CIG apuntou que a realidade é que desde os centros sanitarios pídese material “segundo as necesidades”, mais este “non chega nas cantidades axeitadas, obrigando ao persoal a facer malabarismos”, solicitando a outros centros préstamos de materiais, así como “pedindo cantidades superiores para que envíen un número de unidades máis próximo ás necesidades reais dos centros ou facendo provisións do material para garantir que vai haber existencias cando é preciso”.

“Negativas continuas, respostas inadecuadas e con faltas de respecto ás persoas traballadoras”

A CIG Saúde avanzou que ten coñecemento de que cando as persoas traballadoras se dirixen ao Subdirector de Recursos Económicos para tratar de solucionar os problemas que xorden coa remisión de materiais aos centros, “só reciben por parte do directivo respostas inadecuadas, con faltas de respecto, comentarios inapropiados e mesmo berros como resposta a maiores de non solucionar o problema, substituíndo a súa absoluta incompetencia con comportamentos incompatibles co desempeño do seu cargo”.

“Demoras” na entrega de materiais a persoas traballadoras con informes de saúde laboral

O sindicato nacionalista denunciou que o subdirector de Recursos Económicos adiou de “xeito premeditado durante moitos meses” o envío de materiais derivados de informes para adaptación de posto de traballo emitidos polos servizos de prevención de riscos laborais, pondo “dificultades na súa tramitación e tardando mais dun ano no seu envío”.

O material solicitado “só se efectúa pola insistencia das persoas traballadoras , que aínda a maiores teñen que soportar as saídas de ton deste directivo”. Antes estas situación, a CIG Saúde considerou “totalmente inadmisíbel estes comportamentos que poñen en risco a saúde do persoal incumprindo os protocolos de prevención de riscos laborais”.

O Xerente da Área Sanitaria é “coñecedor e cómplice”

Diante destes procederes sobre o funcionamento dos centros sanitarios, desde a CIG Saúde de Lugo, A Mariña e Monforte solicitaron o cesamento “inmediato” destes comportamento cara ás persoas traballadoras, ao tempo que solicitaron a reprobación por parte da xerencia a este directivo, que consideran que “debe pedir desculpas públicas ao conxunto das persoas traballadoras”. Aliás, anunciaron que no caso de non producirse esta rectificación pública, o sindicato exixirá o cese “inmediato” do Subdirector de Recursos Económicos.

Planeamento anual das necesidades de cada centro sanitario

A CIG Saúde considera que existe “unha falta de planificación e revisión” das necesidades de material en cada centro de traballo, apuntando que estas necesidades deberían 2ser avaliadas periódicamente e de xeito individual en cada centro sanitario”; posto que hai “múltiples factores que inciden e mesmo poden alterar as necesidades como a idade da poboación, a carteira de servizos do centro, a demanda de atención sanitaria por parte da poboación, o tipo de patoloxías crónicas e agudas que  se atenden, etc”.

Neste senso, a central sindical exixiu que por parte da Xerencia da Área Sanitaria de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos se desenvolva un planeamento de revisión e avaliación anual das subministracións de cada centro.