Celadores do HULA mobilízanse ante a “falta de medios” para garantir unha asistencia sanitaria "digna"
O persoal denunciou que leva “moito tempo” advertindo das carencias no complexo hospitalario lugués sen obter "solucións reais" por parte da xerencia.
Esta cuarta feira as celadoras e celadores do Servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) mobilizáronse para reclamar “os medios humanos e materiais necesarios para unha asistencia sanitaria digna”.
Durante a concentración denunciaron que “somos poucos, faltan mans e faltan padiolas, cadeiras de rodas ben equipadas e unha unidade de intermedios para evitar as esperas prolongadas nos corredores de Urxencias cando se demoran en exceso os ingresos ou non hai cama dispoñíbel en Observación”.
Entre as principais reivindicacións figurou o reforzo de persoal en diferentes quendas, especialmente nas mañás e nas noites, cando —afirman— “un celador só non dá feito” para asumir ingresos, traslados e mobilizacións de pacientes. "Mentres o celador realiza ingresos ou acompaña a pacientes a probas médicas, non queda outro celador para atender o resto e acumúlase moito traballo. En Urxencias 3 só somos un celador e tres médicos polas mañás", apunta Nazaret Basanta, unha das portavoces do colectivo a Nós Diario. Tamén denuncian a "escaseza" e o "mal estado" de padiolas e cadeiras de rodas, así como a "falta de material básico" nun servizo que, segundo indican, atende arredor de 300 pacientes ao día. No documento remitido á Dirección de Recursos Humanos, o persoal detalla unha batería de medidas concretas para corrixir estas carencias.
Os celadores aseguraron que levan “moito tempo” advertindo destas carencias sen obter solucións reais. “Dinnos que chegaron padiolas e cadeiras novas, e non dicimos que non sexa verdade, pero na práctica non aparecen”, explicaron. Insisten especialmente na situación das quendas de mañá e, sobre todo, de noite. “Hai momentos nos que un celador só non dá feito. Se ten que facer un ingreso ou trasladar pacientes, queda a zona descuberta. E cando hai que mobilizar persoas encamadas, non sempre hai outro profesional dispoñíbel”, relataron.
Segundo indicaron, a xerencia comprometérase a estudar as propostas e convocar novos encontros, solicitando mesmo que se paralizasen as mobilizacións. Porén, aseguraron que varias desas reunións non chegaron a organizarse. “Quedaron en chamarnos para seguir falando e non o fixeron. Advertimos que, se non había reunión, retomaríamos as concentracións”, sinalaron.
A CIG e o persoal de Atención Primaria do HULA concentraranse o vindeiro 24 de febreiro ás 11 horas da mañá onde o centro de saúde da Praza de Ferrol para denunciar "a sobrecarga e a precariedade" coa que levan anos traballando, din.
