A CIG defende a supresión do delito de sedición mais rexeita a substitución polo de desordes públicas agravadas

O sindicato alerta que criminaliza a mobilización social “seguindo a liña da lei mordaza, que aínda non foi derrogada”.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) defende a supresión do delito de sedición, mais rexeita que se aproveite a modificación do Código Penal para introducir novos tipos que supoñen, afirma a principal central sindical da Galiza, incrementar a persecución e represión da mobilización social.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que "con esta iniciativa estaríase deixando sen efecto a derrogación, hai 18 meses, do artigo do Código Penal que castigaba con cárcere os piquetes e criminalizaba o dereito de folga".

O sindicato nacionalista defende a mobilización social como unha das principais ferramentas que ten a  clase traballadora para defender os seus dereitos e reclamar avances. Por iso rexeita “a pretensión do Goberno español de aproveitar a modificación do Código Penal para suprimir o anacrónico delito de sedición” para introducir un novo tipo baixo o epígrafe de "desordes públicas agravadas".

"Estamos completamente a favor de que se elimine o delito de sedición", explica Carril, mais "crear ese delito substitutivo é unha aberración, é antidemocrático e vén crear, nun contexto no que aínda non se derrogou a lei mordaza, o marco ideal para criminalizar a mobilización social", acrecenta.

Nese sentido, advirte do incremento das penas mínimas de un ano, até o de agora, a tres anos, de se aprobar esta modificación, por desordes públicas, "co que se abre a porta á entrada en prisión".

Unha consideración que dependerá, indica a CIG, de como o valore, subxectivamente, a policía, a fiscalía ou a xuíza ou xuíz e que se podería aplicar, por exemplo, a unha ocupación dunha empresa no contexto dunha folga ou dunha mobilización.

O secretario xeral manifesta ademais o rexeitamento da central sindical á pretensión de aplicar penas de inhabilitación a persoal das administracións e cargos públicos, caso de seren condenados por desordes públicas.

Así mesmo, manifesta a súa preocupación por que se puidera querer acelerar a tramitación destas modificacións no mes de decembro, nun momento no que o debate está enlamado no plano político, sen que se poida dar o necesario debate social.

Fronte a isto, demanda a urxente derrogación da lei mordaza e a eliminación desta modificación do que se quere presentar como "unha versión modernizada do Código Penal", que non é máis que "converter nun delito de desorde pública agravada o que até o de agora foi unha forma de mobilización das organización sociais".