"Cae como un castelo de naipes a idea de que as empresas privadas xestionen mellor servizos de institucións públicas"

Traballadoras de Clece na Biblioteca Concepción Arenal da USC, en Compostela. (Foto: Arxina)
As reivindicacións do persoal e a presión sindical foron a chave da internalización do servizo de limpeza da USC, unha decisión que levou a universidade a aforrar até 1,8 millóns de euros o pasado curso. 'Nós Diario' conversa con Anxo Noceda (CIG) e Leo da Cruz (CUT) sobre como foi este proceso e que supón para o persoal o paso a xestión propia do servizo, así como os 'deberes' aínda pendentes para mellorar as condicións laborais. Con todo, ambos os dous sindicalistas son claros: "A mellor opción para non malgastar os cartos públicos é a internalización de servizos e deben facelo outras institucións como o Sergas".

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) aforrou no curso académico 2021-22 até 1,84 millóns de euros a través da internalización do servizo de limpeza das súas instalacións na capital galega e Lugo, que recaía en empresas privadas desde varios anos atrás. Este cambio a xestión propia propiciárona as forzas sindicais que representaban o persoal de limpeza, nomeadamente CIG e CUT, segundo informan a Nós Diario.

Para iso cómpre remontarse a finais do ano 2017, cando o Goberno que daquela lideraba o reitor Juan Viaño propuxo dividir en varios lotes, a raíz dunha mudanza na Lei de contratos públicos que pasaba de obrigar a xustificar a subdivisión dunha contratación a ter que facelo no caso oposto, cando se licitaba nun mesmo lote.

"A USC, xustificando que quería anticiparse á entrada en vigor desa nova lei, defendía a idoneidade da división do contrato en lotes, mais nas nosas análises non o viamos como algo positivo de ningunha das maneiras. Pensamos que, postos a anticiparnos, cumpría dar o paso de internalizar o servizo", lembra, en conversa con Nós Diario, o sindicalista Anxo Noceda, da CIG.

E que acontecería no caso de dividir a licitación do servizo de limpeza en varios contratos —un para Lugo, outro para o Campus Sur de Compostela e un terceiro para o Campus Norte—. "Se un lote incluía menos de 50 traballadores, perdíase a representación sindical propia e derivaríase ao comité provincial, canda outras persoas traballadoras ás que os problemas do noso persoal resultarían alleos", sinala.

Outra das consecuencias, explica, afectaría directamente o propio cadro de persoal, pois podería darse o caso de que unha mesma persoa traballase para dúas empresas diferentes ao exercer as súas funcións en ambos os campus composteláns. "Habería problemas co descanso diario, cos períodos de vacacións, co cómputo das xornadas...", engade Noceda. Foi entón cando o persoal comezou a defender a xestión propia do servizo. "Lotes non, rescate si!", rezaba o lema da campaña que desencadeou diversas mobilizacións e na recollida "dunhas 3.000 ou 4.000 sinaturas".

Esa "presión" exercida polas traballadoras e traballadores, defende o sindicalista, provocou a "intranquilidade" da empresa concesionaria, Clece S.A., que finalmente optou por non concorrer ao novo concurso do servizo en 2018, cuxas demandas provocarían un incremento do prezo da licitación de 18,2%, no caso de manter o mesmo número de efectivos, ou de 13,7% realizando recortes. A USC, nun primeiro momento, fixo "ouvidos xordos" á proposta de internalización e seguiu adiante cos lotes, di Noceda.

O concurso quedou deserto coincidindo coas eleccións á reitoría e a vitoria nas urnas do equipo liderado por Antonio López. Canda el entraba como xerente Xabier Ferreira, quen, ao coñecer a proposta do persoal do servizo de internalizalo, paralizou o proceso de licitación e iniciou conversas coas forzas sindicais que pulaban por lograr esta meta "Conseguimos contactar con Ferreira, que foi receptivo a escoitar as nosas demandas, e convocamos o comité de empresa para trasladar os números que fixéramos —en relación á internalización—".

"Tiñamos ben claro que a única forma de sacar da ecuación o problema principal do persoal de limpeza era a internalización. Era a saída máis viábel e ética desde o punto de vista da xestión de fondos públicos", sinala a este xornal Leo da Cruz (CUT), ao tempo que lembra que "Clece fixo un ERE en 2013 porque caeu a súa marxe de beneficio". "Se houbese unha continuidade de empresas privadas neste servizo, seguramente habería un novo ERE no futuro", sostén Da Cruz.

Unha experiencia extrapolábel

Tanto o sindicalista da CIG como o da CUT fan alusión aos "reiterados" informes nos que o Consello de Contas da Galiza vén sinalando que a internalización de servizos como o da limpeza, xa non na USC senón a nivel xeral nas administracións públicas, en institucións como o Sergas, "suporía, sen menoscabar as condicións laborais, un importante aforro", manifesta Noceda.

"Desmóntase como un castelo de naipes a idea de que as empresas privadas xestionen mellor", di Leo da Cruz (CUT)

"Máis aló do servizo que poidan prestar, desmóntase como un castelo de naipes a idea de que as empresas privadas xestionen mellor dentro das institucións públicas. O Consello de Contas di que a mellor opción para non malgastar os cartos públicos é a internalización de servizos", sentencia Leo da Cruz.

Voltando ao caso concreto da USC, ambos os dous coinciden en que outros servizos agora externalizados deberían pasar a xestión propia. Anxo Noceda, neste punto, fai referencia ao importante aforro do IVE que supón para a universidade a internalización da limpeza: "O IVE págano as administracións, non as empresas. E, ao contrario do que din os progresistas españois, os cartos que van a Madrid non volven. Non é un imposto recadado na Galiza, polo que logo en Madrid redistribúen como consideran e pode volver 5, 10, 15%... Da outra forma queda todo aquí e a administración pode incrementar o gasto".

A frutífera experiencia da Universidade de Santiago en relación ao servizo de limpeza, asegura, é "exemplarizante" para o resto de administracións, "vendo tamén o que di ano tras ano o Consello de Contas". Pola súa parte, Da Cruz engade: "Puxemos enriba da mesa que a nosa pretensión era mellorar as condicións laborais, e, seguindo a nosa responsabilidade como CUT de defender o sector público, facer posíbel que a internalización sexa un exemplo para todo o país, non só no caso concreto da universidade. Creo que todos os sindicatos deberían defender ese rescate das contratas, e iso pasa por fortalecer o público".

Conversión en persoal laboral

Así as cousas, e se ben tanto Noceda como Da Cruz celebran que o "diálogo" é maior coa Fundación USC —xestora do servizo de limpeza— que coas empresas privadas, ambos os dous fan fincapé nos 'deberes' aínda pendentes da universidade en relación a este mesmo persoal. "Sabemos que isto supón un aforro para a USC e queremos que unha parte del se destine a melloras para o persoal. Defendemos que sexan persoal laboral da universidade, igual que o resto, sen distinción ningunha. E isto non mudaría nada, o aforro sería o mesmo", apunta o membro da CIG, que insta a "respectar os prazos e os acordos".

E na mesma liña pronúnciase Leo da Cruz: "Ese evidente aforro debe redundar no persoal, nunha redución da xornada laboral, unha suba salarial, xa que os soldos están conxelados desde que hai unha década Clece executou o último incremento... Ten que haber melloras nas condicións laborais non só a nivel económico, senón tamén social. E tamén esa equiparación co resto do persoal laboral da universidade".

O sindicalista da CUT salienta tamén que cómpre "fortalecer" a xestión da Fundación USC, "que aínda ten eivas". "Nalgúns casos non se substitúen por completo as baixas. Achácano á mobilidade entre centros pero iso hai que pulilo aínda, porque nalgúns non se están a substituír baixas de longa duración. Somos conscientes de que a Fundación acaba de chegar e está disposta ao diálogo", sentencia.

Xabier Ferreira (USC) cre que "aínda se pode mellorar sen mermar en modo ningún as condicións laborais" do persoal e salienta a "paga complementaria por produtividade"

Pola súa parte, Xabier Ferreira defendía recentemente a "actitude moi positiva" das centrais sindicais durante o proceso e apuntaba en declaracións a Nós Diario: "O noso compromiso era non supor un prexuízo para o persoal e si un beneficio, tal e como creo que se demostrou co tempo", en relación tamén á "paga complementaria por produtividade" que perciben as e os traballadores e que corre a conta dese aforro.

Un ano despois de dar este paso, o xerente da USC cre que os datos "confirman que a internalización non tiña só como finalidade aforrar o IVE, senón que podía reverter nunha mellor prestación do servizo e máis eficiente desde o punto de vista económico". "E creo que aínda se pode mellorar sen mermar en modo ningún as condicións laborais, son optimista. Os informes e os números están aí", engade.