Educación

Ratios, mal estado das aulas ou falta de recursos: docentes e familias denuncian eivas nos centros de ensino

Á esquerda, estado do tellado do CRA Picaraña de Ponteareas; á dereita, aula anegada no CEIP Plurilingüe A. Rodríguez Cadarso, en Noia. (Fotos: Nós Diario)
Este domingo está convocada en Compostela unha nova manifestación nacional na defensa do ensino público.

A CIG-Ensino, STEG e CSIF convocan unha nova manifestación nacional o vindeiro domingo 19 en Santiago de Compostela, en defensa do ensino público. A saída será ás 12 horas desde a Alameda e percorrerá as rúas da cidade compostelá, rematando na Praza de Praterías. A esta marcha están chamadas a participar, ademais do persoal docente, as familias e o alumnado, dado que o problema das ratios é algo que lles afecta directamente.

Outra cuestión a tratar é a recuperación do horario lectivo, xa que implica maior dotación de profesorado, menor impartición de materias afíns e menos itinerancias. E un claro exemplo do problema cas ratios é o que denuncia o IES Plurilingüe de Ames (comarca de Compostela). "Este centro estaba inicialmente pensado para uns 35ou 400 alumnos; hoxe en día conta con máis de 800. Máis do dobre do alumnado para o que foi pensado", explica un docente. Igual que medrou o número de alumnos, di, debería aumentar na mesma medida profesorado, mais denuncia que isto non é así. Segundo os seus cálculos, para cubrir o alumnado farían falta arredor de 90 profesores, e neste instituto contan só con 73.

As persoas expertas recomendan unha ratio próxima aos 250 alumnos por orientadora, mais no instituto amesán, afirma este docente, "temos máis de 400 por orientadora". Ames, salienta, é un dos dous únicos concellos da Galiza con crecemento vexetativo positivo —máis nacementos que mortes— en 2022, segundo o IGE. E, "a máis poboación, máis profesorado, non?", cuestiona. Ante a negativa da Consellaría, "a solución é doada", ironiza: "Agardar a que a baixada de natalidade acabe por crear ratios razoábeis".

As anpas únense ás denuncias

Outro tema que preocupa é o mal estado de moitos centros de ensino. Este é o caso do CRA A Picaraña, en Ponteareas (O Condado), cuxa ANPA insta o Concello a solucionar o problema de atención temperá e as deficiencias do estado das aulas. Hai case dous meses, o Concello afirmou que a Xunta abriría unha unidade de atención temperá, mais "o servizo continúa sendo igual ou máis deficiente que antes", denuncian as familias. Sinalan que hai unha única persoa ao cargo e que se atopa "desbordada" debido á demanda e a importancia deste servizo.

Aliás, denuncian o deterioro das aulas do centro: mobiliario moi antigo, goteiras e humidades, muros a piques de caer... "Pero o que mais preocupa, e o deficiente estado do tellado da aula de Pias, a cal ten unha estrutura de madeira en moi mal estado, do que a dirección do centro, o Concello, a Xunta da Galiza e mesmo a Valedora do Pobo, son ben coñecedores", sinalan. A preocupación dos pais é que poida ocorrer un accidente, polo que piden a inmediata solución de ditos problemas “para que os nenos poidan ter unha escolaridade digna e segura”.

A ANPA da Barquiña, do CEIP Plurilingüe A. Rodríguez Cadarso, en Noia (comarca homónima), relata un caso similar a través do seu perfil de Facebook. Amósanse indignados polo mal estado das instalación do colexio "tras varios anos de queixas e insistencia as consellerías pertinentes seguen sen facer nada". Indican que os nenos non poden realizar actividades no polideportivo e que o cadro de luces non pasa as revisión necesarias. "Os pais non imos quedar calados e iremos a onde faga falta até que nos fagan caso", exclaman.