Protesta do profesorado galego nos centros de ensino pola recuperación de dereitos e a calidade no ensino

Protesta no IES María Casares de Oleiros (Foto: CIG-Ensino)
Foi a primeira das accións que convocaron CIG-Ensino, STEG e CSIF para este mes de novembro de loita pola recuperación dos dereitos docentes e pola mellora real do ensino público galego. A vindeira semana decorrerán concentracións nas cidades o día 14 e unha manifestación nacional en Compostela o domingo

A acción de protesta estaba convocada para a quinta feira día 9, ao longo da sexta feira e desta mañá de sábado seguiron chegando fotos de centos de centros de todo tipo.

Foi, para o sindicato CIG-Ensino, unha “resposta masiva de rexeitamento ao acordo asinado pola Xunta que non acomete as demandas reais do ensino público: inicio da redución de ratios en todas as etapas educativas desde o vindeiro curso, recuperación das 18 e 21 horas lectivas que tivo o profesorado galego até os recortes de Núñez Feixoo e Raxoi, un plan de eliminación da burocracia con medidas concretas e un incremento retributivo lineal para todo o profesorado sen ter en conta a súa antigüi dade e o cargo que ocupa”

A Consellaría de Educación ten que rectificar e escoitar o clamor do seu persoal docente que reaccionou estes días coordinándose para protestar nos seus centros educativos e visibilizando nas redes sociais baixo o cancelo #oprofesoradononse vende as súas demandas, informa o sindicato.

“Foron centos de imaxes” as que afirma que recibiu a CIG-Ensino, un dos tres sindicatos que xunto con STEG e CSIF, fixeron este chamamento e que representan en total a 60% do profesorado galego, ao longo destes días. A maior parte das imaxes pertencen a Institutos de Educación Secundaria e Centros de Infantil e Primaria por ser esta tipoloxía de centros a máis numerosa en todo o territorio galego pero tamén as hai de unitarias, centros de educación especial, centros integrados de Formación Profesional e centros de ensinanzas de réxime especial. Así mesmo, hai unha ampla representación de todas as comarcas galegas.

“Semana de loita polos nosos dereitos”

Para a CIG-Ensino este é un exemplo de dignidade e de compromiso do profesorado galego que “demostrou claramente que non se vende por unha esmola retributiva que nin sequera é igual para todo o colectivo porque o estratifica, e que non se rende na loita pola recuperación dos dereitos que lles foron arrebatados, como é o caso do horario lectivo no que vai seguir á cola do Estado despois do acordo de renuncias asinado pola Xunta, así como por mellorar o sistema público de ensino cunha baixa de ratios que se ten que acometer no primeiro curso de todas as etapas educativas o vindeiro curso”, explican desde o sindicato.

“Estas son as principais demandas que protagonizou o colectivo docente desde os centros, xunto coa eliminación da burocracia que o abafa e que lle detrae tempo da atención ao alumnado e, pola nosa parte, non imos parar até conseguir que a administración rectifique”, insisten á vez que fan un chamamento a ir intensificando as mobilizacións que a vindeira semana teñen dúas accións importantes. O día 14, terza feira, celebraranse ás 19 horas concentracións en todas as cidades galegas que serán nos seguintes lugares:

A Coruña: praza de Pontevedra

Santiago: praza Roxa

Ferrol: edificio da Xunta

Lugo: edificio da Xunta

Ourense: Xefatura Territorial da Educación

Pontevedra: praza da Peregrina

Vigo: MARCO

Ademais o domingo 19 terá lugar unha manifestación en Compostela á que está convidada a participar toda a comunidade educativa: ANPAs, familias e alumnado... para visibilizar que a mellora do ensino público “é unha cuestión que afecta transversalmente a toda a sociedade galega e que é un piar básico no noso futuro”