Galiza perderá en 10 anos un terzo dos seus terreos de cultivo

(Foto: M. Arrazola)

O estudo do Centro Común de Investigación da Unión Europea sitúa as 4 provincias galegas entre as 5 do Estado que máis superficie agraria perderán até 2030. Galiza perderá ate 2030 por volta de 35% dos seus terreos de cultivo

En dez anos Galiza perderá un terzo da súa superficie de cultivo. Esta é a advertencia que se fai desde o Centro Común de Investigación da UE, servizo interno científico da Comisión Europea: en 2030, os terreos agrícolas do noso país serañn 35,5% menos que agora. E a superficie agraria útil que temos actualmente (por volta de 600.000 hectáreas), é consecuencia das perdas deste tipo de terreos que acumulamos desde hai décadas.

Os científicos da Comisión sinalan Galiza como o territorio do Estado que máis vai sufrir esta perda de superficie de cultivo. Fai un desglose por provincias e sitúa tres (Lugo, A Coruña e Ourense) como as 3 primeiras do Estado español en perder terreos agrícolas. Pontevedra figura en quinta posición.

Así, e segundo o informe elaborado a principios de ano polo Centro Común de Investigación, nunha década Lugo terá 44%% menos de superficie agraria, A Coruña perderá 42% e Ourense 30%. Pontevedra, case 26%.

Que factores conducen a estas previsións? Pois a orografía, a propia estrutura agraria, o despoboamento do rural ou factores socioeconómicos.

Perda continuada

Entre 2007 e 2017 Galiza perdeu 17% das súas hectáreas agrarias. De 748.000 pasamos 621.000, segundo datos do INE. Unha perda que engadir á sufrida en anos anteriores. De 1985 a 2005, a superficie agraria últil (SAU) do noso país perdeu perto de 150.000 hectáreas.

En Galiza a superficie agraria últil apenas supera 20% do territorio, o que supón unha das porcentaxes máis baixas de Europa. En Alemaña ou Francia supera 40%, por poñer dous exemplos.

Concentración

E todo isto nun contexto no que cada vez hai maior concentración de terras. Así, 3,1% das explotacións agrarias existentes na Unión Europea concentran 52 por cento da superficie agraria útil. Ao tempo, 75% das explotacións europeas de menos de 10 hectáreas representan apenas 11% da SAU, uns 19 millóns de hectáreas.

Son datos ofrecidos no estudo ‘Acaparamento e concentración de terras en Europa’, elaborado polo TNI, Transnational Institute, en base aos datos de Eurostat, a oficina estatística europea.  Os responsábeis do documento advirten de que Europa está a experimentar o que denominan “unha tremenda e rápida concentración de terras”. Na década que vai de 2003 a 2013 desapareceron un terzo das pequenas explotacións agrícolas europeas.