Nos últimos anos ficaron abandonadas en Galiza 34.000 hectáreas de terreos produtivos

[Imaxe: Ana Mosquera] Bicicleta facendo de cancela nunha finca do rural

Perdemos máis de 4.100 Has de cultivos e 15.300 de arborado en apenas seis anos. 

A perda de superficie agraria é un problema importante no noso país, unha perda que sae cara e vén da man en grande media do abandono, cando non desertización, do rural. O portal Campo Galego informe que Medio Ambiente activou un sistema que permite seguir a evolución dos usos e coberturas do solo, e o visor confirma un incremento do abandono das terras agrarias e forestais. Perdemos superficie cultivada e superficie arborada mentres aumenta a superficie abandonada. Co que iso implica: desde desaproveitamento (mentres Galiza importa alimentos) a facilidades para incendios forestais.

Entre 2005 e 2011, informa Campo Galego, perdemos en galiza 4.200 hectáreas de terreos cultivados e perto de 15.400 de arborado. En troca, nese mesmo período aumentou en máis de 34.000 hectáreas a superficie de mato, de terreos antes produtivos e que agora están abandonados.

Desaproveitamento

Organizacións como Fruga, Sindicato Labrego Galego (SLG) ou Adega teñen denunciado esta perda de superficie agraria útil en máis dunha ocasión. Así, o SLG salienta que apenas o 24% do territorio galego ten uso agrícola, fronte ao 40% de países máis desenvolvidos, como pode ser o caso de Francia. Citan un estudo da Universidade de Compostela para nos lembrar que na Galiza perdéronse desde 1985 unhas 265.000 hectáreas de superficie agraria útil.