O 3% das explotacións da UE dominan 52% da superficie agraria útil

Na última década desapareceron en Europa un terzo das pequenas explotacións agrícolas. Desde 1985 en Galiza perdéronse 265.000 hectáreas de superficie agraria útil.

forraxe rolos rural agro

O 3,1% das explotacións agrarias existentes na Unión Europea concentran o 52 por cento da superficie agraria útil. Son 336.000 explotacións, de máis de 100 hectáreas, e que controlan máis de 91 millóns de hectáreas de superficie agraria útil (SAU), máis da metade da existente na UE. O 75% das explotacións europeas (menos de 10 hectáreas) representan apenas o 11% da SAU, por volta duns 19 millóns de hectáreas.

Son datos ofrecidos no estudo ‘Acaparamento e concentración de terras en Europa’, elaborado polo TNI, Transnational Institute, en base aos datos de Eurostat, a oficina estatística europea.  Os responsábeis do documento advirten de que Europa está a experimentar o que denominan “unha tremenda e rápida concentración de terras”, o que se traduce, entre outras consecuencias, en que na década que vai de 2003 a 2013 desapareceron un terzo das pequenas explotacións agrícolas europeas.

Responsabilidades

Para o TNI, tanto a política agraria común (PAC) da Unión Europea como o sistema de axudas directas e criterios empregados supuxeron favorecer as grandesx explotacións en detrimento das medianas e pequenas.

No que se refire ao estado español, o estudo recolle que desde 1990 até a actualidade desapareceron case a metade das explotacións de menos de 10 hectáreas. No 2013, o 5,4% das explotacións acaparaban no estado máis da metade da superficie agraria útil, perto de 13 millóns de hectáreas.

Cómpre lembrar que desde 1985 en Galiza perdéronse 265.000 hectáreas de superficie agraria útil (Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial, do Laboratorio do Territorio, Universidade de Santiago). “É un dado que amosa o que aconteceu no país nestas tres décadas: fechamento de miles de explotacións, desertización do rural...”, sinalaba Manuel Dacal, da Federación Rural Galega (Fruga) en declaracións a Sermos Galiz.. Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego (SLG), denunciaba, pola súa parte, que cada vez son máis as hectáreas que acaban en mans de grandes empresas na Galiza, de maneira directa ou indirecta, para fins que non teñen que ver coa produción de alimentos. Ambos coinciden en sinalar a eucaliptización que padece Galiza e que se estendeu nesas tres décadas como a antítese do desenvolvemento que precisa o rural galego.

En Galiza a superficie agraria últil non chega ao 25% do territorio, o que supón unha das porcentaxes máis baixas de Europa.

Comentarios