Como será a cabalgata de Reis na túa cidade?

Os Reis Magos desprazáronse sobre dromedarios na cabalgata do ano pasado en Ourense, e esta tarde tamén o farán. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Os desfiles deste ano contan con diversas novidades e sorpresas para as crianzas.

Como cada 5 de xaneiro, os Reis Magos visitarán os concellos galegos. Despois de dous anos marcados polas restricións motivadas pola pandemia da Covid-19, que impediron o habitual desenvolvemento destes desfiles, mañá as súas maxestades de Oriente volven cargadas de doces. Estas son as chaves baixo as cales se desenvolverán as principais cabalgatas.

Este ano o desfile de Pontevedra terá un percorrido máis longo do normal. Melchor, Gaspar e Baltasar partirán desde a avenida de Lugo ás 18 horas nunha ruta que decorrerá polas rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, a praza da Peregrina e a praza do Concello até chegar á Alameda. Desde as seis carrozas que conformarán o desfile repartiranse dúas toneladas de caramelos sen glute entre crianzas e maiores. 

Ante a boa acollida nos pasados anos da cabalgata estática de Vigo, o Concello decidiu repetir o formato mañá pola mañá na avenida Castelao. Pola tarde, ás 17.30 horas, os Reis Magos darán inicio ao seu paseo, que percorrerá as rúas López Mora, Pi i Margall e o Paseo de Afonso, onde as maxestades baixarán das súas carrozas para dirixírense camiñando até a Porta do Sol. Alí, serán recibidos polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen lles entregará as chaves da cidade. Unha das novidades deste ano son as felicitacións virtuais que os Magos de Oriente realizarán por videochamada ás crianzas viguesas que por diversas razóns non poidan acudir ao desfile.

Picasso e Harry Potter nas cabalgatas de Reis

Santiago de Compostela tamén acollerá os reis baixo o lema "Cóntame unha cabalgata". Un desfile orzado en 90.550 euros que dará inicio ás 17 horas na praza da Mercé de Conxo. Desde este punto, os Reis desprazaranse pola avenida de Ferrol, a praza Roxa, a rúa do Hórreo, a praza da Galiza e chegarán á praza do Obradoiro pola Porta Faxeira sobre ás 18.30 horas. A entrada no casco vello estará acompañada da Banda Municipal de Música.

A cabalgata da Coruña deste ano estará inspirada en Picasso, dado que en 2023 fanse 50 anos do pasamento do pintor, con fondos lazos coa cidade heculina. Das 15 carrozas que formarán a comitiva, tres levarán os nomes O estudio do pintor, Unidos pola paz e A música e Picasso. As carrozas dos Reis serán versións da Torre de Hércules decoradas como as torres de caramelo de Picasso. O desfile comezará ás 18 horas no barrio dos Mallos e pasará pola avenida da Sardiñeira, Oza, Catro Camiños, e a praza de Ourense até chegar á praza de María Pita sobre ás 21 horas.

Harry Potter, Hansel e Gretel e o Rei León estarán presentes mañá pola tarde en Ferrol, cuxa cabalgata, conformada por 10 carrozas, xirará arredor de temáticas moi recoñecíbeis. O percorrido do desfile ferrolán, cuxo orzamento é de 108.272 euros, comezará ás 18 horas en Curuxeiras —previa chegada en barco unha hora antes— e pasará polas rúas Venezuela, Colombia, a estrada de Castela, a praza de España, e rematará na praza de Armas ás 20 horas.

Ás 18 horas tamén comezará o desfile de Lugo que, baixo o título "A gran viaxe", repartirá 2.000 quilos de caramelos. A cabalgata luguesa, cuxo orzamento é de 117.000 euros, sairá do parque da Milagrosa e pasará pola rúa Monte Faro, a avenida da Coruña, a Porta de San Fernando, a praza de Ferrol e a rúa da Raíña, finalizando na Praza Maior unha hora despois.

En Vilagarcía, pola súa parte, recupérase este ano o belén vivente, na praza da Ravella, onde as súas maxestades de Oriente atenderán a cativada. Na Pontenova os Reis comezarán o seu percorrido dunha forma peculiar: nunha corda tirolesa. Ás 17.30 horas iniciarán a andaina cara á praza dos Fornos, onde chegarán unha hora máis tarde. E desde a Casa da Cultura repartirán caramelos.

No concello da Illa de Arousa, Melchor, Gaspar e Baltasar arribarán contra as 17.30h, a bordo un galeón, e no porto unha carroza agardará o séquito real. En Noia, durante a mañá visitarán a práctica totalidade nas parroquias, e será na tarde cando decorra a cabalgata, con saída do campo de fútbol de San Lázaro ás 18h.

A de Ribeira recupera este ano o seu percorrido tradicional polas súas da cidade. Os Reis Magos chegarán tamén por mar, arredor das 18h. En Lousame haberá unha dobre cita, primeiro cunha recepción esta quinta feira na Casa da Cultura e o sábado co 'Festival dos Reis', namentres en Vedra arribarán en moto, e recibirán a cativada ás 17h na Nave da Estación.

Sanxenxo contará cun 'tren meigo' polas parroquias e un espectáculo pirotécnico, e en Pontecesures a cabalgata contará previamente coa visita do Apalpador. Ao desfile de Teo chegarán os reis noutro medio de transporte, o tren, arribando ás 16.40h á estación de Osebe para logo visitar nun autobús distintas asociacións e rematar cunha festa ás 18h no pavillón Ezequiel Mosquera.

Os municipios de Tui e Valença, pola súa parte, repiten nesta xornada a súa 'Cabalgata internacional da Eurocidade', que vai xa pola duodécima edición. Sairán da cidade lusa e chegarán ao tudense paseo da Corredoira ás 19h.

Animais vivos nos desfiles

A cabalgata de Ourense partirá da estación intermodal ás 17.30 horas e proseguirá pola avenida das Caldas, pasando pola Ponte Romana, a rúa do Progreso, a praza do bispo Cesáreo, até chegar á praza Maior dúas horas despois. A cabalgata estará conformada por varias carrozas e os Reis Magos desprazaranse en dromedarios reais, unha decisión moi criticada por veterinarios e ecoloxistas. Nos renos empregados o 21 de decembro o Concello gastou 13.195 euros e nos dromedarios que percorrerán as rúas ourensás custan 18.143.

Precisamente, a Fundación Franz Weber criticou esta cuarta feira que o Concello de Moaña, na comarca do Morrazo, pretenda contar con camelos reais na cabalgata de mañá, sostendo que se trata “dun tipo de maltrato cara aos animais inxustificado”.