Día de Reis: como será a cabalgata no teu municipio?

A pandemia condiciona un ano máis a tradicional cabalgata do Día de Reis. Algúns concellos optan por facela estática; outros, suspéndena. Velaquí a listaxe de actos programados para este 5 de xaneiro.
Recepción aos Reis Magos na Coruña (Foto: Andy Pérez).
photo_camera Recepción aos Reis Magos na Coruña (Foto: Andy Pérez).

Do mesmo modo que acontecera o pasado ano, as cabalgatas do Día de Reis, 5 de xaneiro, volven estar condicionadas pola pandemia na Galiza. Boa parte dos municipios avogan polas cabalgatas estáticas con reserva de cita; outros, limitan a afluencia de público nos actos.

Cabalgatas dinámicas

Dúas horas de percorrido na Coruña

Na cidade da Coruña decorrerá unha cabalgata dinámica con saída ás 18 horas do mercado de Sardiñeira, para concluír na praza de María Pita, nun percorrido de dúas horas de duración e con control de asistencia á súa chegada.

A Ourense, os Reis veñen no AVE

O acto comezará ás 17.30 horas en Ourense coa chegada dos Reis Magos no novo tren de alta velocidade. Media hora despois partirá a cabalgata da estación da Ponte para avanzar pola avenida das Caldas e percorrer a rúa do Progreso até rematar, contra as 19.15 horas, no xardín do Posío.

En Ferrol, ás 17 horas

No caso de Ferrol, as carrozas sairán ás 17 horas de Caranza, en concreto da rúa Pardo Bazán, e finalizarán o percorrido fronte ao Teatro Xofre, onde os Reis Magos saudarán desde o balcón a partir das 20.30h.

Outros concellos

En Ortigueira, que desbotou organizar a tradicional recepción real, haberá unha cabalgata en movemento que principiará ás 18.30 horas.

E en Ribeira tamén haberá cabalgata, con saída ás 18 horas do malecón, mais non se lanzarán caramelos.

Cabalgatas estáticas

Vigo

O Concello de Vigo, por mor da elevada incidencia da Covid-19 na cidade, optou por organizar unha cabalgata estática entre as 11 e as 14 horas e de 16 a 20 horas. Situarase na avenida de Castelao (Coia), onde os Reis Magos lanzarán caramelos á cativada como vén sendo habitual nesta data.

Pontevedra

A de Pontevedra tamén será unha cabalgata estática, cos Reis atendendo as peticións das nenas e nenos na praza de España ao longo da xornada. As carrozas instalaranse no paseo de Montero Ríos.

Recepción aos Reis Magos

Compostela

Na capital galega tamén se decidiu cancelar o tradicional desfile, mais a rapazada poderá visitar ás maxestades de Oriente no parque de Bonaval, en dúas quendas: de 11.30 a 13.30 horas e de 16 a 22.30h.

Lugo

O mesmo modelo repetirase en Lugo. Os Reis Magos estarán no exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire, en horario de mañá entre as 12 e as 14 horas e pola tarde, de 17.30 a 19.30h.

Outros concellos

A recepción tamén se organizará en Arteixo, onde se deberá pedir cita previa para a cativada. Será de 11 a 14 horas e de 16 a 20.30 horas, no Campo da Festa.

No caso de Friol, que optou por suspender a súa cabalgata, os Reis Magos visitarán cada vivenda do municipio na que residan crianzas.

E en Narón haberá recepción oficial, no pazo da Cultura, previa reserva de entradas.

Comentarios