As cidades galegas gastan perto de tres millóns de euros no alumeado de Nadal

Luces de Nadal iluminan a rúa Príncipe de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
Crise enerxética,  escalada de prezos, normas, decretos e regulacións para restrinxir o consumo eléctrico, chamadas das Administracións á responsabilidade cidadá para aforrar enerxía.... Neste contexto, as cidades galegas gastan case tres millóns de euros no alumeado de Nadal, custo que pode ser máis alto de engadir atraccións.

O Nadal hai tempo que deixou de ser unha festa que se celebraba cara a finais de decembro para ir, aos poucos, adiantándose a principios de mes e agora xa se dá como normal que arrinque en novembro, nunha carreira por ver quen inaugura antes o alumeado natalicio e quen pon máis luces.

Unha dinámica que se repite incluso neste ano, marcado por unha forte crise enerxética que levou as diferentes Administracións non só a elaborar plans de responsabilidade enerxética para reducir o seu consumo, senón a aprobar normas e decretos para que a cidadanía e os sectores produtivos tamén teñan que aplicar o aforro enerxético. 

Neste contexto, o alumeado natalicio das sete cidades galegas achégase aos tres millóns de euros, con Vigo e, a distancia, Ourense, liderando este gasto. Unha cifra superior á do Nadal pasado —cando se moveron por volta dos 2,5 millóns de euros—. 

A cifra de 2022, ademais, pode ser superior de contemplarse outro gasto do Nadal que nalgunhas cidades galegas acompaña o alumeado, como poden ser as atraccións.

Vigo, líder absoluto

O rexedor vigués Abel Caballero fixo do Nadal e o seu alumeado un dos mascaróns de proa da súa xestión, 'santo e sinal' da súa gobernanza. Só na instalación das 11 millóns de luces led que durante case dous meses alumearán a cidade, o gasto sitúase en perto de un millón de euros. A cifra total, porén, pode elevarse até 2,7 millóns de ter en conta diferentes partidas e desembolsos para esa campaña, segundo denunciaron desde o BNG. 

Ourense é a segunda cidade galega que máis diñeiro destina á iluminación natalicia, case 600.000 euros. Unha cifra que é moi superior á que o Concello ourensán gastaba en 2019, cando Gonzalo Pérez Xácome chegou á Alcaldía: pouco máis de 175.000 euros.

Na Coruña, a Xunta de Goberno local aprobou en 2020 un contrato por valor de 1,5 millóns para o período 2020-2023 para a iluminación de Nadal dese período. Unha cifra á que descontar cada ano ao redor de 10.000 euros, que teñen como destino o alumeado para o Entroido. O que se destina cada ano para as luces de Nadal móvese polo medio millón de euros.

A seguir figura Santiago de Compostela, con algo menos de 250.000 euros para as luces natalicias en virtude dunha adxudicación bianual acordada en 2021 por dous anos e case 500.000 euros.

Ferrol, Lugo e Pontevedra

En Ferrol o gasto abeira os 158.000 euros, unha cantidade moi similar á que este ano se destina en Lugo ao alumeado de Nadal e que anda ao redor de 155.000 euros. Pontevedra destina á iluminación nestas datas 140.000 euros. O Goberno local anunciou, "por responsabilidade nunha situación de crise enerxética", que o acendido das luces non se faría até o 16 deste mes, sendo albo por ese compromiso de ataques e descualificacións políticas e mediáticas. 

Outro modelo de Nadal: menos gasto en luces e máis sustentábel

Se cada modelo ten o seu contramodelo, o de Vigo e os seus 11 millóns de luces estaría en localidades galegas como Allariz, onde desde 2015 apostaron por un Nadal diferente e no que este ano destacan os escenarios artesanais. Un alumeado discreto, un baixo orzamento e a instalación de até once escenarios diferentes noutros tantos puntos da vila, representando diferentes escenas.

En localidades como Chantada, Vilanova dos Infantes, Rianxo ou Pantón, por citar só catro exemplos, a veciñanza opta por ser ela propia quen decora determinadas rúas, emprazamentos ou lugares, apostando por tradicións como figuras de animais de madeira colorida, bonecos de elaboración caseira ou todo tipo de decoración sostíbel e artesanal.