A Cidade da Cultura acollerá o xuízo polo accidente de Angrois

Cidade da Cultura. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)
O xuízo decorrerá o vindeiro 5 de outubro, despois de sufrir varios aprazamentos.

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, detallou nesta cuarta feira que o Goberno galego xa confirmou "formalmente" ao Xulgado do Penal número 2 de Santiago de Compostela que o xuízo do accidente ferroviario de  Angrois decorrerá na Cidade da Cultura.

Calvo foi preguntado polo requirimento remitido polo xulgado a finais de maio para que a Dirección Xeral de Xustiza lle comunicase o lugar no que estaba prevista a vista.

"Supoño que serán os procedementos de comunicación", comentou ao ser cuestionado por que non se produciu a mesma, e despois de que o xulgado solicitase que se lle confirmase oficialmente esta cuestión.

En todo caso, dixo que desde a Xunta trabállase "desde hai tempo" na organización desta vista. "Xa está todo en marcha", insistiu o vicepresidente segundo, que incidiu na "dotación importante" que se destinará para o desenvolvemento o xuízo "con todas as garantías".

Xuízo aprazado

O pasado 26 de abril, o comezo do xuízo sobre o accidente de Angrois foi aprazado, do 20 de setembro inicial até o 5 de outubro.

En concreto, o avogado defensor do director de Seguridade na Circulación de Adif no momento de posta en funcionamento da liña, Andrés Cortabitarte; o da Plataforma Vítimas Alvia 04155; e o letrado dunha das aseguradoras alegaron que xa tiñan outros xuízos sinalados con anterioridade nas mesmas datas, polo que reclamaron a suspensión ou o cambio de data dalgunhas das sesións.

No auto, contra o que non cabía recurso, a maxistrada lembraba que, "a pesar da súa complexidade", o xuízo polo accidente do Alvia, no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, "carece de preferencia sobre outros sinalados con anterioridade", segundo a lei.

A vista oral, na que está prevista a participación de máis de 700 testemuñas e peritos, comezará o 5 de outubro, xunto coa parte penal, que se desenvolverá até o 3 de febreiro. Co anterior calendario, estaba previsto que esta rematase o 23 de decembro.

En canto á acción civil, comezará o 14 de febreiro e prolongarase até mediados de xuño de 2023. Desde o 20 de xuño e até a súa finalización, o xulgado reservou as terzas, cuartas e quintas feiras para a práctica documental, as conclusións e os informes.