As chuvias e a baixada no número de turistas fan mellorar o caudal do río Lérez

O río Lérez ao seu paso por Pontevedra. (Foto: Europa Press)
A situación aínda "non está normalizada", polo que Augas da Galiza decidiu non levantar a prealerta, que permanecerá activa até que o río Lérez recupere máis caudal.

O caudal do río Lérez experimentou unha mellora nos últimos días grazas ás choivas caídas e ao descenso do consumo de auga unha vez concluído o período vacacional do verán coa conseguinte baixada no número de turistas, segundo os técnicos da Xunta, que, con todo, decidiron manter activa a prealerta por seca na conca.

Así llo trasladou a directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, aos concellos do sistema de abastecemento de Pontevedra -Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Ponte Caldelas, Bueu e Vilaboa-, que participaron nunha reunión telemática de seguimento pola situación de escaseza de auga que afecta á conca do Lérez.

Deste modo, apréciase un "lixeiro aumento" do caudal do río nos últimos días debido ás precipitacións e á redución do consumo de auga, especialmente nos municipios costeiros que multiplican a súa poboación e visitantes durante a parte central da estación estival.

Situación sen normalizar

Con todo, a situación aínda non está normalizada, polo que Augas da Galiza decidiu non levantar a prealerta, que permanecerá activa até que o río Lérez recupere máis caudal.

Así, a Xunta reiterou a súa petición ante os concellos do sistema de abastecemento do Lérez para que constitúan un ente supramunicipal encargado da xestión do propio abastecemento.