Social

O Chuvi empregará plasma de pacientes curadas da COVID-19 como tratamento desde esta semana

Interior de hospital (Sergas).
O proceso que inicia o hospital de Vigo enmárcase nunha investigación que busca obter evidencias científicas sobre a efectividade deste tratamento contra o coronavirus.

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) prevé comezar a utilizar plasma de pacientes da COVID-19 curadas como terapia antiviral desde esta semana.

Desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas) detallaron que un informe recente da Organización Mundial da Saúde (OMS) sinalou que os primeiros resultados do uso de plasma de pacientes convalecentes apuntaban a que podía representar un tratamento "potencialmente útil para a COVID-19".

Por este motivo, no mes de abril, o servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do Chuvi iniciou a selección das posíbeis  doadoras de acordo coas recomendacións dos criterios mínimos de seguridade e calidade que se deben respectar para a obtención de plasma de persoas convalecentes.

Así, estabeleceuse que as persoas doantes deben contar cun diagnóstico de COVID-19 documentado por probas de laboratorio, ademais de presentar un bo estado de saúde e ser asintomáticas para colaborar na investigación. Tamén será preciso que transcorran 14 días desde que presenten un resultado negativo na proba de detección da enfermidade e que estean recuperadas por completo.

Extracción de plasma

Deste xeito, hai semana e media, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) iniciou en Vigo a extracción de plasma de pacientes que se recuperaron do coronavirus. Este estudo iniciouse na cidade olívica, mais tamén se estenderá aos demais hospitais da Galiza.

A través de ADOS, a Consellaría de Sanidade colaborou cos hospitais públicos no deseño deste estudo co obxectivo de obter evidencias científicas en relación á utilización de plasma procedente de pacientes recuperadas. Para iso, estabeleceuse un protocolo de doazón de plasma e unha determinación de anticorpos que bloquean o virus.

A axencia galega de doazón asumiu o tratamento das unidades de plasmaféresis e o seu procesamento. Estas foron  criopreservadas e almacenáronse a -30 graos, mentres que a súa vida útil poderá alongarse até os dous anos. A etiquetaxe do plasma obtido realízase de acordo cos estándares de calidade do Comité de Seguridade Transfusional do Ministerio de Sanidade e a súa utilización limitarase á investigación en pacientes coa COVID-19.