Universidades de Santigo e Vigo súmanse ao diagnóstico con PCR da COVID-19

​Micrografía electrónica de coronavirus SARS-CoV-2 infectando célula (NIAID-NIH)

O Ministerio de Sanidade informou que os territorios poderán contar con 30 novos laboratorios de centros de investigación e universidades para realizar probas de PCR para o diagnóstico de COVID-19. Entre eles figura a Universidade de Vigo e o CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela.

Estes centros súmanse aos 24 en todo o Estado que xa foran validados no seu día polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) para realizar estas probas, que determinan se unha persoa está infectada ou non con coronavirus.

Agora a validación xa non é responsabilidade do ISCIII, son as comunidades autónomas en coordinación co Ministerio de Ciencia, as que xestionan o proceso e confirman que contan co seu apoio e subminístranlles as mostras para realizar as probas. e o proceso de validación.

Entre os requisitos para que os centros colaboren na realización de probas de PCR para o diagnóstico de COVID19 está ter persoal formado en técnicas de bioloxía molecular, ter capacidade para traballar con mostras infecciosas de nivel 2, cabina de bioseguridade e equipos adecuados; ou xestionar técnicas de extracción por medios propios que non resten capacidades aos centros hospitalarios.