Os casos activos de coronavirus continúan a baixar na Galiza: 131 menos en 24 horas

(Europa Press)

Hai 3.056 casos, o que supón 131 menos que na xornada anterior. O número de persoas curadas é de 6.234 e o de falecidas, 569.

Galiza rexistra un total de 3.056 casos activos por coronarivus, segundo o último informe publicado pola Dirección Xeral de Saúde hoxe, o que supón casos 131 menos. As Unidades de Coidados Intensivos contan con dous pacientes menos e un total de 34 persoas ingresadas, mentres que 2.759 doentes son atendidas nos seus domicilios.

A incidencia da COVID-19 na poboación continúa a ser maior na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. Mesmo cando a cifra de contaxios descende, aínda se mantén por volta dos 200 casos por cada 100.000 habitantes, cun total de 588 positivos por coronavirus.

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue a rexistrar a incidencia máis baixa, cun total de 182 casos activos. En tanto, a de Coruña e Cee suma 740 casos; a de Lugo, Monforte e a Mariña, 223; a de Vigo, 715; a de Compostela e o Barbanza, 468 e a de Ferrol, 140 casos activos.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 6.234 persoas curadas, rexistrándose 569 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 104.990.

Centros de anciás

Do total de casos en residencias, Sanidade detalla que permanecen 858 casos activos, 563 entre as usuarias e 295 entre o propio persoal. Dos falecementos rexistrados na Galiza relacionados coa COVID-19, 256 corresponden a usuarios e usuarias dos centros de maiores.

A semana pasada, a Xunta modificou os datos da actualización diaria da situación da COVID-19, pasando tamén a contabilizar todas as persoas curadas da enfermidade de golpe nunha mesma xornada.

Isto imposibilita realizar unha comparativa no tempo da evolución da doenza na Galiza. Porén, podes seguir o reconto destes e doutros datos, incluíndo as mudanzas no protocolo da Xunta, nesta infografía de Xan Sabarís para Nós Diario.