Chus Iglesias é fundadora de Paluso

Chus Iglesias: "Precisamos que a sociedade abra os ollos para axudar a quen pasa por unha situación negativa"

Chus Iglesias leva 25 anos axudando persoas desde a Asociación Paluso. (Foto: Nós Diario)
Paluso é unha asociación sen ánimo de lucro que atende as máis necesitadas e intenta proporcionarlles alimentos, roupa e artigos que non poden conseguir. O nome Paluso corresponde á primeira sílaba das fillas de Chus e Serafín, quen canda Soana Desireé decidiron fundar a asociación entre os anos 1995 e 1996. Paluso finánciase con medios propios e achegas da veciñanza e de empresas colaboradoras. As súas comidas e ceas solidarias no Nadal son coñecidas en toda a Galiza.  

-Podería falar sobre a historia da Asociación Paluso? Por que decidiu fundala?

A asociación, como grupo de persoas para axudar a xente, naceu entre os anos 1995 e 1996. Hai doce anos decidimos constituíla legalmente, porque cando facíamos reparticións, especialmente en horario nocturno, sempre tiñamos que dar moitas explicacións.

Constituímola e rexistrámola. Despois comezamos a facer diversas actividades: comidas e ceas de Nadal, reparto de cafés quentes pola noite e de alimentos para a xente que o precisase. Antes, facíamos comidas no noso restaurante para acompañar a carne e o peixe que repartiamos. Pero chegou un momento no que nós xa non tiñamos o restaurante e non era factíbel seguir con ese modelo de traballo, porque na nosa casa era imposíbel atender todo o mundo. Por iso decidimos dar integramente produtos perecedoiros e non perecedoiros ás familias.

-Cales son as iniciativas que desenvolven para axudar a quen o necesita?

Na asociación, o que facemos maioritariamente é intentar axudar a aquelas persoas que por un motivo ou outro non entran no radar das asociacións máis grandes, como Cáritas. Eu respecto moitísimo o traballo destes colectivos, porque nós non nos podemos acercar o máis mínimo ao que fan, pero si que prestamos un apoio ás persoas que, ou non lle chegan esas axudas ou non é suficiente co que reciben. Intentamos ir máis alá de só a comida. Que alguén necesita un colchón? Dámosllo, e se non o temos, conseguímolo. Móbeis, utensilios, accesorios para o coidado das crianzas. Buscamos a forma de conseguir todo o que precisa a xente que nos ven pedir axuda aquí.

-A canta xente atenden? Medrou o número coa pandemia?

En xeral, atendemos entre 600 e 800 persoas. Antes facíamos a conta por familias. Unhas 30 ou 40 familias. Pero é que agora durante  pandemia foi terríbel como ascendeu o número de persoas que nos veñen pedir axuda. Hai moitísma xente que quedou desamparada e na rúa por diversos motivos e que non tiña nin casa nin medios para subsistir. De feito, até que comezou a pandemia nós nunca tivéramos que pedir axuda para atender a xente. O ano pasado tivemos que tirar man de coñecidas e de amigas para que nos axudasen, sobre todo con temas de alimentación, porque era incríbel o número de peticións que nos facían. Nós temos que dar todas as semanas, porque non hai que esquecer que a maioría destas persoas non teñen un conxelador ou un medio para conservar a comida en bo estado no tempo.

-Colaboran con outras asociacións ou traballan soas?

Traballamos nós soas, porque esta asociación naceu de Serafín, de Soana e de min, e penso que non temos dereito a pedir axuda a outras asociacións, porque xa bastante teñen co seu como para que teñan que estar pendentes do que ‘Paluso’ precisa. Non pedimos cartos. Preferimos que a xente nos dea comida. Por nós e pola súa tranquilidade. Temos a sorte de que hai moita xente que nos bota unha man e axuda a atopar o que necesitamos. Nunca pasan máis de dous ou tres días sen que alguén nos consiga aquelas cousas que nos piden e nós non temos. Nese sentido non temos problema ningún.

-É importante que haxa iniciativas e asociacións que intenten axudar aos demais?  

Penso que deberiamos ofrecer axuda aos demais antes de que se nos pida, e que deberíamos mirar ao noso arredor porque sempre hai alguén, sexa dun círculo próximo ou non, que pode estar pasando por unha situación máis ou menos negativa. Para iso, precisamos que haxa máis asociacións que busquen axudar, e que toda a sociedade abra os ollos.