Gráficos e Mapas

Por que Galiza perde poboación? Todas as chaves da crise demográfica galega

Todas as medidas adoitan xirar en torno ao aumento de poboación nova no territorio para tratar de dar estabilidade á pirámide. (Foto: Arxina)

A poboación é o motor dos pobos. Na Galiza, a cuestión demográfica é un problema de actualidade. Aquí as chaves sobre a composición da poboación galega, a súa evolución, e a súa distribución desde comezos de século até a actualidade.

A poboación é o motor dos pobos. É grazas a ela que se poden levar a cabo actividades económicas, culturais, políticas, sociais, etc... Sen poboación, de feito, non hai pobos onde aplicar medidas económicas ou políticas. Por iso, é de suma importancia estudar como evolucionan as poboacións dos diferentes países e a diferentes escalas, para poder analizar a súa saúde. Grazas aos datos demográficos, pódense observar tendencias de crecida ou baixada nas poboacións, co fin de detectar e previr crises futuras.

Do mesmo modo, é sumamente importante coñecer cal é o desencadeante dunha crise demográfica. Esta pode deberse a un aumento das emigracións, a unha baixada na natalidade, a un aumento das defuncións... Os motivos poden ser moi variados, así como as súas consecuencias. Ante estas situacións, os Gobernos contan cos instrumentos necesarios para corrixir estas anomalías, e son as políticas demográficas.

Na Galiza, a cuestión demográfica é un problema de actualidade. Aquí as chaves sobre a composición da poboación galega, a súa evolución, e a súa distribución desde comezos de século até a actualidade.

A evolución do conxunto da poboación galega dende comezo de século

O século XXI, pese a súa brevidade, xa deixou acontecementos salientábeis e que inflúen de maneira significativa na demografía. Os dous principais son a crise global do ano 2008, coñecida como a Gran Recesión, e a pandemia da covid-19 no ano 2020. Ambos eventos deixaron a súa pegada na poboación galega.

 

Como observamos, o comezo do século na Galiza veu acompañado dun ascenso demográfico considerábel, pasando dos menos de 2.740.000 galegos e galegas iniciais até os case 2.800.000 nos dez primeiros anos. Mais a partir dos anos próximos á crise do 2008, a demografía galega comeza unha baixada a pasos axigantados que aínda hoxe continúa afectándonos, estando hoxe por debaixo dos 2.700.000 habitantes e cunha liña de tendencia que deixa pouco espazo ao optimismo. A crise de 2008 o que esencialmente provocou foi un aumento da emigración en busca de mellores oportunidades no estranxeiro.

 

No gráfico da emigración, móstrase un claro aumento dos emigrados e emigradas na Galiza desde o ano 2008 até a actualidade. Nos anos posteriores á crise, mantíñase por debaixo dos 50.000 emigrados e emigradas anuais, con todo, despois da crise esta cifra elévase por riba dos 60.000 anuais, o que amosa as consecuencias migratorias deste evento.

A composición da poboación galega co paso dos anos

Para coñecer a saúde dunha poboación, temos que analizar a súa composición. O xeito óptimo para esta análise é mediante as pirámides de poboación, as cales amosan os grupos que compoñen as poboacións. Para o ano 2001, a comezos do actual século, a poboación galega presentaba unha pirámide estancada. Este tipo de pirámides caracterízanse por unha forma de campá, aínda que neste caso non estea completamente definida. Porén o esencial desta pirámide é que o grupo maioritario comprende entre os vinte e os trinta anos.

 

Este tipo de pirámides son características de países en desenvolvemento, a esperanza de vida aumenta, así como a natalidade baixa lixeiramente. Isto fai que o crecemento natural se reduza. Dez anos despois, para o ano 2011, percíbense as consecuencias do baixo crecemento natural que se describe anteriormente. Neste caso, a pirámide comeza a transformarse nunha pirámide con forma de tonel.

 

A natalidade baixa progresivamente, dificultando o remprazo xeracional. Este feito, ligado ao aumento da esperanza de vida, tradúcese nun aumento da poboación envellecida en contraposición ao descenso da poboación nova. Este tipo de pirámide é característica dos países desenvolvidos, e evidencia un problema actual, o envellecemento da poboación.

 

Na actualidade, evidénciase a nosa pirámide “de tonel” mostrando a magnitude do problema demográfico galego. A esperanza de vida aumenta, mais a natalidade continúa sendo baixa, o cal fai que a maioría da poboación galega sexa dunha idade superior aos corenta anos. Cada vez hai máis xente vella e menos xente nova.

Nestas situacións, as políticas demográficas poden ben incentivar a natalidade na poboación, ou ben apoiar a chegada de inmigrantes. Todas as medidas adoitan xirar en torno ao aumento de poboación nova no territorio para tratar de dar estabilidade á pirámide.

A distribución da poboación galega

O crecemento real é unha taxa que permite coñecer o aumento, ou non aumento, dunha poboación nun espazo e período de tempo. Neste caso, é a escala dos concellos galegos, e observaremos como evolucionou esta taxa ao longo destes máis de vinte anos.

Neste primeiro mapa por concellos correspondente ao ano 2000, a gran maioría dos concellos galegos perden poboación. Os concellos que gañan poboación encádranse arredor do eixe atlántico. Os concellos próximos ás metrópoles de Vigo e A Coruña concentran un elevado número de concellos con crecemento real positivo. No interior, nas cidades de Lugo e Ourense habería un crecemento polo miúdo.

Do mesmo xeito, na fachada oriental de Galiza, no interior do país, atópanse os concellos que acumulan unha maior perda de poboación.

Para o crecemento do ano 2010, hai un aumento dos concellos cun crecemento positivo nos arredores do concello de Santiago de Compostela. Este núcleo uniríase ao das metrópoles anteriormente citadas, e axudarían a concentrar o aumento da poboación arredor do eixe atlántico.

No interior a situación mantense ou mesmo empeora, especialmente para os concellos orientais á cidade de Ourense, as comarcas de Terra de Lemos, Terra de Caldelas, Terra de Trives e mesmo Quiroga, aumentaron neste período o decrecemento, que pasaría a estar por debaixo do 2,5%.

Cabe destacar a excepción oriental do concello de Negueira, na comarca da Fonsagrada, o cal foi un dos catro concellos galegos cunha maior porcentaxe de crecemento real, por riba do 5%.

Na actualidade, pese a que a porcentaxe de crecemento real baixou, o número de concellos cun crecemento positivo aumentou, especialmente na fachada occidental e no sur do país. No interior, os concellos melloraron a súa situación lixeiramente, pero aínda así percíbese un contraste entre a Galiza occidental e a Galiza oriental.