Entre 1989 e 2023 houbo na Galiza 359.282 mortes máis que nacementos, o equivalente a todos os habitantes de Vigo e Ferrol

Só nos últimos dez anos os nacementos caeron un 30% e as defuncións aumentaron un 7,7%.
Segundo publicou onte o INE, 2023 deixou unha marca histórica na Galiza en número de nacementos: 14.103. Nunca, desde que hai rexistros, houbera tan poucos. Hai unha década, 2013, naceran 19.727 crianzas, 30% máis que agora. Ao tempo que os nacementos van a menos, as defuncións van a máis: 32.804 en 2023.

OInstituto Nacional de Estatística (INE) publicou onte os datos provisorios de nacementos e defuncións no Estado durante o ano 2023. As cifras veñen confirmar no que respecta á Galiza que o país continúa a transitar, se callar con máis intensidade, polo mesmo camiño que percorre desde 1988: a perda natural de poboación, é dicir, rexistra máis mortes que defuncións. En concreto, e desde aquel ano até hoxe, 359.282 mortes máis que nacementos. Un número que sería o equivalente a que desaparecese a suma de todos os habitantes das cidades de Vigo e Ferrol.

En 2023, naceron na Galiza 14.103 persoas, o que supón un 2,7% menos que no ano anterior, 2022. Só presentan un peor rexistro Asturias e Canarias. Faleceron en 2023 un total de 32.804 galegas e galegos. Isto deixa un saldo vexetativo negativo de 18.701 mortos máis que nacementos. No conxunto do Estado, ese saldo negativo foi de 113.256, polo que o país achega un 16% desa cantidade, moi por riba do seu peso poboacional no conxunto do Estado, que non chega a 6%. 

Só en 2022 presenta a Galiza peores datos en crecemento vexetativo (-20.389). De compararmos con hai unha década, 2013, vemos que daquela o saldo negativo era de 10.706 falecidos máis que nados. En 10 anos, ese crecemento negativo galego aumentou un 74%. En números absolutos, a Galiza liderou en 2023 a lista de territorios cos saldos vexetativos máis negativos, seguida por Castela e León (-16.270) e Andalucía (-13.544).

"Os números en absoluto non din gran cousa", afirma en conversa con Nós Diario o doutor en Xeografía e profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC) Valerià Paül, convidando a centrar a mirada á hora de analizar a situación demográfica da Galiza "nas tendencias de fondo". E que nos ensinan esas tendencias? "Que a fecundidade [na Galiza] está polo chan e isto non vai mudar. É un contexto europeo no que a Galiza está peor por cuestións como a precariedade laboral e salarial ou que todo o que ten a ver coa conciliación está moi mal", apunta.

Natalidade

A taxa de natalidade galega (5,49) está por baixo da media da Unión Europea (9,3) e por baixo incluso da do Estado español (7,6), o cal se atopa no penúltimo posto da UE, só por diante de Italia (7,1). A Galiza sitúase moi lonxe de Irlanda, que lidera a natalidade europea cunha taxa de 12 nacementos por cada mil habitantes.

A idade media das mulleres no momento do primeiro parto en toda a Unión Europea é de 31,5 anos, segundo os datos do Anuario 2022 de Eurostat, a oficina de estatística da UE.

Eses 31,5 anos son unha idade media que supera Galiza, o territorio da UE onde as mulleres dan a luz a primeira crianza coa idade máis alta: 34,5 anos, tres anos por riba da media europea. No outro extremo figura a rexión de Severozapaden, no noroeste de Bulgaria, onde as mulleres que dan a luz por vez primeira son as máis novas, cunha media de 27,2 anos.

"Os datos que temos din que non é que as mulleres galegas non queiran ter fillos, senón que están sometidas a un proceso brutal de precariedade laboral estrutural", sinala. Por outra parte, "as carreiras profesionais das mulleres, tal e como están estruturadas, fican estancadas cando son nais". Na mesma liña de reflexión, o catedrático de Historia Moderna da universidade compostelá Isidro Dubert apunta, en conversa con este medio, o que cualifica como "fracaso dun modelo de xestión económica e social que, hoxe coma onte, segue a condenar os nosos fillos á emigración" para situar "a orixe do problema demográfico" da Galiza.

Dubert lembra un estudo da Facultade de Ciencias Políticas da USC sobre muller e natalidade na que as entrevistadas indicaban que gostarían de ter máis crianzas "pero as condicións socioeconómicas impedíanllo".

A isto, o marco socioeconómico, o catedrático engade as perdas de poboación derivadas das vagas emigratorias desde mediados do século XIX até agora, "máis ou menos un millón de persoas", cuantifica. Boa parte delas marcharon en idade fértil e tiveron fillas e fillos nos países de acollida. 

Hai solución

"O único que pode salvar esta ecuación", manifesta Valerià Paül, "é o saldo migratorio, que veñan migrantes a Galiza". Pon o exemplo de Catalunya, onde cando el estudaba hai dúas décadas alertábase de que o país estaba condenado a perder poboación, e "aumentou nese período de 6 a 8 millóns de habitantes", grazas á chegada dos 'novos cataláns'.

Porén, partillan Paül e Dubert, a Galiza non é un país atractivo para a poboación migrante, pois as condicións laborais e salariais son peores que no resto do Estado e de Europa. Outro debate á hora de analizar a situación demográfica da Galiza é a fenda litoral/interior e urbana/rural e como esta evolucionou nestas décadas. 

Nove de 53

Só nove das 53 comarcas galegas gañaron poboación durante 2022 [último exercicio con datos comarcais] e foi un aumento en números moi pequenos.  As comarcas que gañaron poboación foron as de Compostela, Betanzos, Baixo Miño, Vigo, A Paradanta, O Salnés, A Ulloa, O Carballiño e Allariz-Maceda. As outras 44, pola contra, rexistraron perda de habitantes.

 


A emigración volveu aumentar a partir de 2008 e mantense até hoxe

O  século XXI, pese a súa brevidade, xa deixou acontecementos salientábeis e que inflúen de maneira significativa na demografía. Os dous principais son a crise global do ano 2008, coñecida como a Gran Recesión, e a pandemia da Covid-19 no ano 2020. Ambos os dous deixaron a súa pegada na poboación galega. O comezo do século na Galiza veu acompañado dun ascenso demográfico considerábel, pasando dos menos de 2.740.000 galegos e galegas iniciais até os case 2.800.000 nos dez primeiros anos.

Mais a partir dos anos próximos á crise do 2008, a demografía galega comeza unha baixada a pasos axigantados que aínda hoxe continúa afectándonos. A crise de 2008 o que esencialmente provocou foi un aumento da emigración en busca de mellores oportunidades no estranxeiro. Hai un claro aumento dos emigrados e emigradas na Galiza desde o ano 2008 até a actualidade. Nos anos posteriores á crise, mantíñase por debaixo dos 50.000 emigrados e emigradas anuais, con todo, despois da crise esta cifra elévase por riba dos 60.000 anuais, o que amosa as consecuencias migratorias deste evento.

As pirámides de poboación amosan os grupos que compoñen as poboacións. Á Galiza actual acáelle a pirámide “de tonel”: A esperanza de vida aumenta, a natalidade continúa sendo baixa, o cal fai que a maioría da poboación galega sexa dunha idade superior aos corenta anos. Cada vez hai máis xente vella e menos xente nova.