A chave da vida eterna? Este é o fármaco para a hipertensión que pode alongar a vida

A 'rilmenidina' un fármaco que pode retrasar o envellecemento (Foto: Nós Diario).
Os resultados, publicados na revista científica Aging Cell, mostran que os animais tratados con rilmenidina, aumentan a esperanza de vida e melloran os marcadores de saúde, imitando os efectos da restrición calórica.

Investigadores da Universidade de Liverpool (Inglaterra) descubriron que o fármaco ‘rilmenidina’, utilizado actualmente para tratar a hipertensión, pode alongar a vida e atrasar o envellecemento.

Os resultados, publicados na revista científica Aging Cell, mostran que os animais tratados con rilmenidina, aumentan a esperanza de vida e melloran os marcadores de saúde, imitando os efectos da restrición calórica.

Tamén demostran que os beneficios para a saúde e a esperanza de vida do tratamento con rilmenidina na miñoca intestinal 'C. elegans' están mediados polo receptor I1-imidazolina nish-1, o que identifica este receptor como unha posíbel diana da lonxevidade.

A diferenza doutros fármacos estudados anteriormente con este fin polos investigadores, a rilmenidina, un antihipertensivo oral de ampla prescrición, ten posibilidades de trasladarse no futuro ao ser humano, xa que os seus efectos secundarios son escasos e non graves.

Até a data, a dieta de restrición calórica considerouse a intervención antienvellecemento máis sólida, xa que favorece a lonxevidade en todas as especies.

Con todo, os estudos de restrición calórica en humanos tiveron resultados e efectos secundarios dispares, o que significa que a estratexia antienvellecemento máis razoábel é atopar medicamentos como a rilmenidina que poidan imitar os beneficios da restrición calórica.

Os beneficios

"Cunha poboación mundial que envellece, os beneficios de atrasar o envellecemento, aínda que sexa lixeiramente, son inmensos. A reutilización de fármacos capaces de prolongar a vida e a esperanza de saúde ten un enorme potencial sen explotar na xerociencia traslacional. Por primeira vez puidemos demostrar en animais que a rilmenidina pode aumentar a esperanza de vida. Agora interésanos explorar se a rilmenidina pode ter outras aplicacións clínicas", comentou o profesor João Pedro Magalhães, que dirixiu a investigación durante a súa estancia na Universidade de Liverpool e agora traballa na Universidade de Birmingham.