Sanidade

Chantada mobilízase en defensa dunha sanidade pública e de calidade: "Os recortes matan"

Mobilización de Chantada quere sanidade este sábado (Foto: Chantada quere sanidade).
A plataforma Chantada quere sanidade está recollendo sinaturas e estudará "emprender novas mobilizacións polas rúas da vila chantadesa até que haxa unha solución satisfactoria para os nosos centros de saúde".

Centos de persoas congregáronse diante do centro de saúde de Chantada convocadas pola plataforma Chantada quere sanidade para expresar un “clamor unánime a prol dunha atención sanitaria pública con calidade asistencial para o que é necesario que Chantada teña o persoal médico e de enfermaría”.

No manifesto lido pola voceira da plataforma, Mari Maciñeiras, subliñáronse os continuados recortes que “levamos padecendo, a falta de especialistas no hospital comarcal de Monforte e os centos de millóns de euros que se levan recortando desde a Xunta da Galiza e que explican que hoxe se invista menos que no ano 2009”.

“As persoas afectadas nos centros de saúde de Chantada e Carballedo non imos permitir que se sigan pondo en risco as nosas vidas, porque os recortes e as políticas de desmantelamento e privatización da sanidade matan”, inciden desde a plataforma.

Máis accións

Desde a plataforma aseguran que continuarán desenvolvendo accións e dirixíndose á xerencia na procura de solucións para os centros de saúde e máis para o hospital comarcal, cuxa directora, manifestan, “debe dimitir”.

A plataforma Chantada quere sanidade está recollendo sinaturas e estudará “emprender novas mobilizacións polas rúas da vila chantadesa até que haxa unha solución satisfactoria para os nosos centros de saúde”.