Cesuga rexistra o proxecto para crear a segunda universidade privada na Galiza

José Varela, presidente de Cesuga, e o seu director xeral, Venancio Salcines, presentaron na Xunta o 12 de abril o proxecto. (Foto: Cesuga)

Cesuga segue a estela de Abanca e rexistra o proxecto para crear a segunda universidade privada na Galiza.

A Xunta xa ten enriba da mesa a proposta para a creación dunha segunda universidade privada na Galiza. O Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) segue a estela de Abanca e vén de dar o primeiro paso para que a Administración galega a recoñeza como “International University”, unha “universidade propia e independente cuxos títulos deixarían de estar adscritos a outra universidade”, segundo sinalan nun comunicado os impulsores.

De facto, actualmente Cesuga imparte nas súas instalacións da Coruña catro graos, mais faino como centro adscrito á universidade privada de San Jorge (USJ), promovida pola arquidiócese de Zaragoza, o que lle permite expedir títulos oficiais. 

Así pois, Cesuga vén de presentar ante o rexistro da Xunta o expediente polo que se dá a coñecer o novo proxecto de universidade, co obxectivo de impulsar dous campus na Galiza (un na Coruña e outro en Ourense) e en varias capitais de América e África. Será, ademais, segundo informa a institución académica, unha universidade Next Generation (en alusión aos proxectos da Xunta que procuran captar fondos europeos Covid), "porque cumpriría cos requirimentos marcados” desde a UE “no seu instrumento de recuperación”. 

A partir do rexistro deste expediente ábrese o proceso administrativo no que será avaliado polo Ministerio e a Xunta. O obxectivo sería que a universidade estivese operativa no curso 2024/25.

Rexeitamento social

Para o voceiro da Plataforma Galega en defensa da Universidade Pública, Suso Bermello, o proxecto de Cesuga é dunha operación empresarial para competir directamente cos centros públicos, como amosa o feito de que na actualidade nas súas instalacións da Coruña se impartan as mesmas titulacións que no campus coruñés da UdC ou, como amosa a memoria de Cesuga, que queiran ofertar o mestrado de profesorado de secundaria, un dos máis demandados. Bermello teme que a "armadura" de cátedras e mestrados que organicen empresas que compoñen o accionariado de Cesuga reste fondos privados e públicos á universidade galega

Os reitores das tres universidades públicas galegas xa coincidiron en sinalar a comezos de abril que a universidade privada en que traballa Abanca non é necesaria na Galiza habendo tres universidades públicas, sete campus e, pola contra, consideraron urxente mellorar o financiamento da universidade pública.

En concreto, esta sexta feira, 16 de abril, en declaracións a Nós Diario, o reitor da Uvigo, Manuel Reigosa, sinalou que ten "bastantes dúbidas" sobre a oportunidade e idoneidade da creación de universidades privadas” na Galiza, e asegurou que serán "rigurosos" para que nos órganos de Goberno en que están se "cumpra a lexislación vixente", en referencia aos filtros e requisitos que a norma estabelece para crear universidades privadas. 

Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, en declaracións a Nós Diario, sinalou que na UdC "pasan como non pode ser doutra maneira, todos os filtros estabelecidos polo Goberno autonómico para garantir a calidade e viabilidade das nosas titulacións e o que pedimos á Xunta é que eses requisitos se apliquen co mesmo rigor ás iniciativas de universidades privadas". 

Loita entre empresas para ficar en detrimento da pública

Logo de pasar o trámite no Ministerio e no Consello da Xunta, o Parlamento debaterá o proxecto de lei para a creación da Universidade Intercontinental da Empresa (promovida por Abanca), que opta a ser primeira universidade privada da Galiza e que será rival tanto da pública como da impulsada por Cesuga, cuxo director xeral é Venancio Salcines, antigo profesor da UDC e presidente da Escola de Finanzas Business School de Oleiros, competencia directa do actual Business Institute de Abanca.

Aliás, Cesuga nos últimos anos fixo ampliación de capital dando entrada no seu accionariado a varios dos empresarios máis importantes da Coruña, encabezados por Ignacio Rivera, de Hijos de Rivera. Unha pugna entre empresas está servida, que ao mesmo tempo loitará para roubar investidores e alumnado á universidade pública.