Proxecto do Cesuga

A CIG denuncia que “a entrega da Xunta ao capital privado abre a carreira para privatizar os estudos universitarios”

Suso Bermello, secretario nacional de CIF.Ensino (Foto: Arxina)

A CIG, sindicato maioritario no sector, foi o primeiro en reaccionar á información de Nós Diario en relación ao proxecto de universidade privada que o Centro de Estudos Superiores da Galiza (Cesuga) presentou ante a Xunta. A central nacionalista oponse a unha iniciativa que competiría coa universidade pública galega.

“A universidade pública galega, desatendida e abandonada pola Xunta de Galiza, volve recibir un novo golpe”. Así se pronuncia a CIG-Ensino tras coñecer a noticia de que Cesuga, “unha empresa na que ten un papel determinante certo empresariado coruñés”, presentou perante o Goberno galego un proxecto para crear unha universidade privada.

O empresariado coruñés, advirte o sindicato, “non quere renunciar a un anaco da torta que a Xunta quere entregar no sector dos estudos universitarios”.

A central nacionalista acusa o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, de dar “todo tipo de facilidades ao proxecto pilotado por Abanca, cunha forte oposición social e tamén institucional por parte das tres universidades públicas”.

“O exemplo de Cesuga, xa experimentado ao levar anos operando baixo o paraugas de universidades de fóra de Galiza, lembra perfectamente ao que pretende Abanca: entrar a competir directamente coa oferta pública, con titulacións concordantes e mesmo duplicadas e loitar directamente pola captación de recursos privados aos que accede a universidade pública galega”, advirte o sindicato nun comunicado de prensa.

O efecto chamada da Xunta 

“A defensa cerrada da Xunta ao proxecto de Abanca, mesmo coa posición en contra do Consello Económico e Social, provoca un claro efecto chamada para quen queira facerse cunha parte da torta dun sector, o universitario, no que o capital aínda non entrara e que no ámbito estatal está consolidado con case medio cento de empresas en moitos caso pseudo universitarias”, engade o sindicato.

A CIG critica tamén o papel do Ministerio de Universidade, a quen responsabiliza de non ser quen de “sacar adiante unha nova regulamentación para frear o mercadeo” das titulacións no ámbito de universidades privadas.