O Centro de Estudos Superiores Universitarios da Galiza (Cesuga) vén de dar o primeiro paso para que a Xunta da Galiza a recoñeza como “International University”, unha “universidade propia e independente cuxos títulos deixarían de estar adscritos a outra universidade”, informa nun comunicado de prensa.
Trátase este do segundo proxecto para crear unha universidade privada na Galiza, após o de Abanca, que espertou o rexeitamento de boa parte da comunidade educativa e mais dos reitores das tres universidades públicas galegas. Ademais, contou co voto en contra do Consello Económico e Social.
O Goberno galego, pola súa parte, defendeu "o dereito constitucional" do citado proxecto da entidade financeira.
Cesuga presentou ante a Xunta o expediente co que presenta o proxecto de universidade privada, no que constan “dous campus na Galiza, así como en varias capitais de América Latina e África”.
“Será ademais unha universidade Next Generation, a primeira da Galiza, porque cumpriría cos requirimentos marcados” desde a UE “no seu instrumento de recuperación”. Argumenta que “buscará a empregabilidade do alumno, a implantación das máis modernas tecnoloxías dixitais ao servizo da educación e a investigación e a posta en servizo de modernos laboratorios de última xeración”, afirma Cesuga.
Segundo a empresa, a súa oferta basearase en “títulos duais”, “aínda hoxe moi residuais na Galiza” e en “títulos completamente actualizados”. Tamén incorporará “doutoramentos industriais, novidosos na Galiza”.
Universidade privada
O proxecto, din os responsábeis, nace “adaptado ás esixencias da próxima normativa universitaria”, de carácter estatal, “para o recoñecemento dunha nova universidade privada”.
A partir do rexistro deste expediente ábrese o proceso administrativo no que será avaliado tanto polo Ministerio de Universidades como pola Xunta da Galiza.
Cesuga naceu en 1995 após a sinatura dun convenio coa University College Dublin, National University of Ireland para se converter nun centro universitario privado adscrito á citada universidade. Creouse por iniciativa de varios colexios privados.