Sanidade pública

Médicos censuran a "nula planificación" e "manifesta incompetencia" da xerente da área de Santiago, a curmá de Feixoo

A xerente da área de Santiago-O Barbanza, Eloína Núñez (esquerda), xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña (dereita), nunha visita ao CHUS. (Foto: Europa Press)
A CESM cuestiona a decisión de Eloína Núñez de acceder a que unha facultativa que aprobou a súa praza en Ribeira continuase en Pontevedra, unha decisión que "prexudica as Urxencias de ambos os hospitais".

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza vén de denunciar, a través dun comunicado, a "nula planificación" e "manifesta incompetencia" da xerente da área sanitaria de Santiago-O Barbanza, Eloína Núñez —curmá do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo—, logo de "deixar en precario" os servizos de Urxencias dos hospitais do Barbanza (Ribeira) e Montecelo (Pontevedra) tras unha cuestionada decisión.

A entidade fai alusión neste senso ao "intolerábel" feito de, "anular unilateralmente, un mes despois de concedela, a comisión de servizos a unha facultativa con residencia e fortes vínculos familiares en Pontevedra, onde traballou os últimos anos", alegando a xerente a "falta de médicos" nas Urxencias do Barbanza.

Eesa comisión de servizos, matiza a CESM, fora previamente acordada entre as xerencias de Santiago e Pontevedra, polo que entende que, con este modo de proceder, "Eloína Núñez enganou á xerencia de Pontevedra e a Dirección Xeral de Recursos Humanos, polo mero feito de ocultar a súa ineptitude na xestión das Urxencias do hospital de Ribeira".

Dese centro hospitalario das súas competencias, subliñan, "marcharon nas últimas semanas tres facultativos aos que só foi capaz de ofrecer contratos de até un mes de duración", ao tempo que "negou" a un médico de atención primaria a súa proposta de incorporarse ás Urxencias.

O Hospital do Barbanza experimentou no último ano un incremento de pacientes de 12% e as Urxencias levan meses "colapsadas", polo que o persoal sanitario urxe cando menos catro reforzos. Porén, "polo momento só se incorporaron dous", lamenta a Confederación.

A CESM acusa Núñez de actuar "arbitrariamente" e "baixo o único criterio do 'ordeno e mando'", no canto de "tratar de resolver os problemas que se lle amontoan", tanto no Hospital do Barbanza como no Clínico de Santiago, aseguran desde o sindicato médico.

"Nos últimos meses dimitiron dos seus cargos os xefes de servizo de Medicina Interna e de Xinecoloxía do CHUS, pola falta de planificación e a pésima xestión da xerencia, e tivo que cesar o responsábel de Otorrinolaringoloxía tras as presións sindicais por actuar inxustamente na repartición da carga de traballo e con criterios puramente arbitrarios", censuran.

É por iso que o persoal das Urxencias de Montecelo "rexeita de cheo" a anulación da comisión de servizos da súa compañeira, ao tempo que reprocha á xerente da área de Santiago os "prexuízos ocasionados" tanto neste hospital como no do Barbanza, "onde tampouco resolveu o problema".

Os médicos consideran esta actitude "unha mostra máis do menosprezo e a utilización desapiadada que se fai do persoal sanitario", o que, aseguran, "contribúe a que o grao de implicación e o compromiso dos profesionais se vaia deteriorando".