O servizo de otorrinolaringoloxía da área de Compostela fará folga indefinida todas as terzas feiras

O persoal sanitario convocante exixe á xerente da área sanitaria, Eloína Núñez, unha "organización axeitada e non arbitraria como a actual", así como o cesamento do actual xefe de servizo polos seus "constantes menosprezos".
O Hospital Clínico de Compostela, nunha imaxe de arquivo (Foto: Arxina).
photo_camera O Hospital Clínico de Compostela, nunha imaxe de arquivo (Foto: Arxina).

Os facultativos especialistas do servizo de Otorrinolaringoloxía da área de Compostela e O Barbanza están chamados a unha folga indefinida todas as terzas feiras desde este 11 de xaneiro en adiante para exixir unha organización "axeitada e non arbitraria", tras os paros realizados no pasado mes de decembro. Por iso, a Consellaría de Sanidade estaebleceu de novo as mesmas presenzas mínimas que para o mes pasado para atender o urxente, así como consultas e probas "inaprazábeis".

Presenzas mínimas

Segundo os servizos mínimos publicados no DOG do pasado 30 de novembro, Sanidade estabelece como presenzas mínimas para cubrir as xornadas de folga neste servizo dous efectivos en quirófano, un en Urxencias, "un ou dous, en función da organización das gardas médicas" e outro para hospitalizacións, consultas externas e probas.

Sanidade xustifica que nos servizos de urxencias e as gardas médicas, así como nos quirófanos urxentes "é imprescindíbel a cobertura de 100% da asistencia urxente" porque, alega, "non é posíbel prever as necesidades ao non ser unha actividade programábel e, posto que nestes casos é preciso dar unha resposta inmediata, ten que manterse a cobertura sanitaria estabelecida para os supostos de urxencia".

Na área de hospitalización indica que se fixa o número necesario de profesionais para "garantir a atención urxente dos enfermos hospitalizados e as altas clínicas". "Os pacientes ingresados precisan do control axeitado que permita asegurar o seguimento da súa evolución e a supervisión do tratamento, evitando estancias innecesarias que poidan modificar ou complicar dita evolución", apostila a Consellaría.

No tocante ao ámbito das consultas, así como das interconsultas dos pacientes hospitalizados que o requiran, Sanidade asegura que "se atenderán as consideradas como urxentes ou inaprazables a criterio do persoal facultativo especialista da área". Aliás, destaca que "se garantirá a realización de determinacións e probas complementarias que, a criterio do persoal facultativo, resulten inaprazábeis".

Sanidade aclara que o persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga "poderá instar a substitución relevo da súa designación por outro traballador que voluntariamente acepte o cambio de modo expreso". E advirte de que "os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais". "Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes", conclúe.

Demandas do persoal sanitario

A Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO da Galiza exixe á xerente da área sanitaria, Eloína Núñez —curmá do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo—, unha "organización axeitada e non arbitraria como a actual". Ademais, demanda o cesamento do seu xefe de servizo, "que leva anos tratándoos con faltas de respecto e menosprezos, tanto en público como en privado", defende o sindicato, alén de "exercer de modo autoritario o seu traballo de xefatura".

"A maioría de facultativos especialistas de área de Otorrinolaringoloxía convocan unha folga para exixir á xerente que asuma a súa responsabilidade e cese o xefe de servizo, a quen non revalidou, como obriga a lei, para evitar transmitir unha imaxe impropia dun servizo público de saúde", sostén o comité de folga.

A folga indefinida de todas as segundas feiras responde á falta de solución ao conflito. Os convocantes critican a "desidia" da Xerencia compostelá e insisten en que "existe un conflito polo tratamento persoal e profesional entre o xefe de servizo e a maioría dos facultativos". CCOO lamenta o "caos organizativo" pola "inoperancia da xerente" e lembra que no cinco días de paros correspondentes ao mes de decembro suspendéronse 250 consultas.

Comentarios