Cesado un xefe da Armada por celebrar o afundimento dun buque da "escuadra roja"

O documento que causou a polémica. (Foto: BNG)
O BNG denunciou o sábado a inclusión dunha lembranza a este episodio na orde do día nun documento oficial da Armada. O escrito feito público procedía da Escola Naval da Graña, en Ferrol.

Após a denuncia feita polo BNG onte, a Armada xa comunicou esta mañá o cedsamento do xefe de Estudos da Escola Naval da Graña por publicar nun documento oficial relativo á pasada sexta feira, 1 de xaneiro, "unha efeméride non permitida".

O texto da polémica, no que o BNG  veu "linguaxe e terminoloxía propia do franquismo", reza así: “Nos primeiros días de xaneiro do ano 1937 desapareceu con toda a súa dotación o submarino da escuadra vermella C5, mandado polo heroico Tenente de Navío Don José Lara y Dorda, que o afundiu ao fracasar o seu atrevido plan para se apoder do buque e pasar con el á Frota nacional. Houbo outros casos en que os oficiais aparentaron servir os vermellos, con grande risco das súas vidas, evitando con habilidade e engano efectuar ataques aos buques nacionais. Se se apercibir a dotación destas manobras terían sido mortos no acto”. 

O deputado Néstor Rego pedía ao Ministerio de Defensa que fixera unha investigación e depurada responsabilidades e hoxe mesmo o departamento enviou un comunicado no que explica que o mando foi "o responsábel da redacción e publicación da orde diaria" e que vai ser apartado do seu cargo.

O que non se aclara é se tamén supón o despedimento desta persoa por "un feito gravísimo", como alertou o Bloque ao presentar unha iniciativa no Congreso.

O deputado pedía unha investigación para saber se foi certo que se celebrou o afundimento dun submarino da "escuadra roja" en 1937, no decorrer da Guerra Civil. 

Neste caso a reacción do Goberno do Estado español foi urxente e apenas pasaron 24 horas desde que transcendeu a imaxe do documento.

Este episodio dáse despois de que nas últimas semanas se sucederan comportamentos polémicos e "antidemocráticos" no seo do Exército.