O BNG exixe a Defensa que investigue se a Armada celebrou o afundimento dun buque "da escuadra roja"

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, revela un posíbel documento da delegación de Ferrol na que se fala dun acto de lembranza do afundimento "do submarino C5 da escuadra vermella en 1937 coa linguaxe propia da Guerra Civil e do franquismo".
Imaxe do documento do que alerta o deputado Néstor Rego. (Foto: BNG)
photo_camera Imaxe do documento do que alerta o deputado Néstor Rego. (Foto: BNG)

O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Ministerio de Defensa que investigue a suposta celebración “do afundimento en 1937 dun submarino da 'escuadra roja'” nas instalacións da Armada en Ferrol. Despois de ter acceso a un documento supostamente oficial da Subdirección da Escola Naval da Graña, o deputado Néstor Rego destaca que na orde do día 1 de xaneiro o apartado efemérides estaba protagonizado por unha lembranza a ese feito. 

Rego lamenta que se empregase “linguaxe propia da Guerra Civil e do franquismo” e advirte de que, de ser certo, “sería un feito gravísimo”.

O texto completo, como se pode ver na imaxe, recolle: “Nos primeiros días de xaneiro do ano 1937 desapareceu con toda a súa dotación o submarino da escuadra vermella C5, mandado polo heroico Tenente de Navío Don José Lara y Dorda, que o afundiu ao fracasar o seu atrevido plan para se apoder do buque e pasar con el á Frota nacional. Houbo outros casos en que os oficiais aparentaron servir os vermellos, con grande risco das súas vidas, evitando con habilidade e engano efectuar ataques aos buques nacionais. Se se apercibir a dotación destas manobras terían sido mortos no acto”. 

Ante esta lectura, o Bloque considera que este feito súmase a outros recentes “como as cartas de altos mandos militares na reserva a Felipe de Borbón con propósitos golpistas e antidemocráticos”. 

Tamén lembra a saída a luz dun vídeo “de militares en activo cantando cancións fascistas, un deles na Escola Naval de Marín”.  

"Semella que o Exército español continúa operando en chaves políticas e ideolóxicas da guerra e do franquismo; é o resultado da chamada 'Transición' e da falta de ruptura democrática coa ditadura", comenta o deputado.

De investigarse todos estes episodios e darse por certos, Rego considera que o Goberno do Estado español ten que “depurar responsabilidades diante desta sucesión de actividades antidemocráticas no seo do Exército, que ameazan os dereitos e as liberdades públicas”. 

Comentarios