Cerdedo-Cotobade sae á rúa contra o espolio dos eólicos

Concentración contra os parques eólicos en Cerdedo este domingo (Foto: Nós Diario).
A mobilización foi acordada a pasada quinta feira de modo conxunto polas comunidades de montes, BNG, PP e PSdeG.

A veciñanza de Cerdedo-Cotobade tomou onte as rúas da localidade en sinal de protesta contra contra os parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas.

A esta concentración foi acordada a pasada quinta feira de modo conxunto polas comunidades de montes de Quireza, Pedre, Chamadoira, Corredoira e San Bernabé, a Asociación de Veciños de Cuíña, e as formacións políticas do concello (BNG, PP e PSdeG).

O portavoz municipal do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira atendeu Nós Diario para tratar as problemáticas destes parques eólicos. 

Unidade de acción

“Sentímonos agradecidos pola unidade de acción alcanzada e a contundente resposta, pese á adversa climatoloxía, coa que a sociedade organizada de Cerdedo-Cotobade; contestou esta mañá contra o asentamento dos macro-proxectos eólicos nos nosos montes proxectados a carón de vivendas e liñas de alta tensión”, maifestou o nacionalista.

Luís Bará e demais mebros do BNG na manifestación deste domingo (Foto: Nós Diario).

Filgueira denunciou tamén que os dous parques, “que teñen unha afectación brutal no territorio, cos muíños pegados a vivendas e coa afectación ás augas, comparten infraestruturas e son, na práctica, un único proxecto industrial”.

Colaboración coa forza veciñal

“O intenso labor de información, denuncia e mobilización contra os macro-parques eólicos de Campo das Rosas e Porto Vidros debe continuar, en colaboración coa forza veciñal até lograr que a Xunta paralice a súa tramitación” apuntou Filgueira.

Á manifestación tamén acudiu o deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará. O nacionalista destacou "o espolio eólico que sofre a comarca de Tabeirós-Terras de Montes" e chamou a "evitar a destrucción do territorio e insiste nun modelo eólico alternativo ao modelo depredador que promove o PP desde a Xunta da Galiza”.