A protesta xuntou a centos de veciños fronte á casa do concello

Cerdedo-Cotobade mobilízase contra o parque eólico dos Cotos

Mobilización veciñal en Cerdedo-Cotobade contra o parque eólico dos Cotos. (Foto: Nós Diario)

A oposición ao complexo dos Cotos volveu a mobilizar á veciñanza do concello de Cerdedo-Cotobade contra o actual modelo eólico. Trátase dun dos 14 parques previstos no municipio e prevé instalar aeroxeradores a 500 metros das vivendas.

Unha mobilización contra o parque eólico dos Cotos mobilizou este domingo a centos de veciños do concello de Cerdedo-Cotobade. A protesta, convocada polo grupo de Goberno da localidade, contou co apoio da totalidade dos grupos da corporación, da plataforma veciñal Eólicos Así Non e de Alarma na Terra de Montes.

 

O complexo eólico dos Cotos afecta aos núcleos de Rebordelo, Carballedo, Viascón, Loureiro e Augasantas no concello de Cerdedo-Cotobade. O proxecto prevé levantar un parque cunha potencia instalada de 30 megawatts e aeroxeradores de 200 metros de altitude, algúns dos cales localízanse a menos de 500 metros das vivendas.

“Paralización inmediata” do parque dos Cotos

Joam Romero, un dos membros plataforma Eólicos Así Non, sinala a Nós Diario, que o colectivo demanda “que o concello emita as súas propias alegacións rexeitando o parque eólico en fase de exposición pública e pida a paralización inmediata do mesmo”. Na mesma liña, reclaman “informes técnicos rigorosos e completos sobre todos os ámbitos afectados”

“Tamén lle solicitamos que incluíra a comunidade de montes de Aguasantas nas reunións das comunidades, xa que é unha parroquia que se vai ver afectada polos diferentes impactos do parque eólico”, continúa Romero, quen lembra oposición da entidade do “14 parques actualmente en tramitación no municipio”.

Romero destaca os beneficios económicos do complexo. “Segundo a propia memoria presentada pola empresa, esta recuperaría o capital do parque en tres anos e o investimento total en cinco, o que dá conta do lucro para a empresa promotora”, conclúe Romero.

O voceiro do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, comenta a Nós Diario que “parécenos un escándalo o que está acontecendo neste concello con 14 parques en proxecto” e alerta das súas consecuencias “na calidade de vida da veciñanza”.

“Isto é un espolio”, afirma Filgueira, quen denuncia que “os parques eólicos non deixan nada no territorio. Só un 2% dos beneficios. Isto non é xeito de desenvolver o rural e favorecer o asentamento da poboación no mesmo”

Un proxecto de Luis Castro Valdivia

A instalación está promovido pola empresa Tiraventos, unha sociedade integrada no grupo Ecoener. Ecoener ten como accionista maioritario e como primeiro executivo a Luís Castro Valdivia, que actualmente se fai chamar Luís de Valdivia.

Castro Valdivia foi investigado pola fiscalía, acusado de trato de favor pola Xunta da Galiza, nos últimos anos da etapa de Manuel Fraga á fronte do Goberno galego, coincidindo coa presenza na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas do seu cuñado, Ramón Ordás Badía.

Luis Castro partillou negocios no ámbito das renovábeis con persoas de relevo da vida política e económica da Galiza. Así, canda o antigo presidente da patronal galega, Antonio Fontenla e Iglevaz, unha sociedade propiedade da familia do ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, constituíu en 1998 a mercantil “Hidroeléctricas  del Arnoya”, titular dunha central  hidráulica no río Corzán, en Negreira, dunha concesión hidroeléctrica no río Xallas e dun parque eólico en Ourol.