Cerdedo-Cotobade

Loito oficial en Agolada, Lalín e Nigrán polos seis falecidos no accidente de autobús de Cerdedo-Cotobade

Lugar desde o que se precipitou o autobús. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Tres das seis vítimas eran veciñas de Agolada.

O accidente de autobús ocorrido en Noiteboa en Cerdedo-Cotobade tinguiu de loito todo o país, mais especialmente os municipios de Lalín, Agolada e Nigrán, cos que tiñan vínculos cinco das seis vítimas mortais e que decretaron senllos días de loito oficial para expresar o seu pesar por este tráxico suceso.

Os concellos de Lalín e Agolada son os que sufriron en maior medida este golpe, pois catro das vítimas mortais tiñan nexos con estas dúas localidades. Unha delas, Guadalupe Díaz, muller natural de Lugo, residía en Lalín, mentres que outros dous falecidos, nai e fillo, eran orixinarios de Agolada, pero vivían na capital do Deza. Unha cuarta falecida era veciña da parroquia de Carmoega, en Agolada.

Após coñecer estes feitos, a corporación municipal de Lalín, por acordo de todos os grupos, decidiu decretar dous días de loito oficial, con bandeiras a media hasta, así como transmitir as condolencias e solidariedade ás familias das vítimas. Os asistentes ao concerto de Nadal do municipio gardaron un minuto de silencio en sinal de duelo.

Nunha mensaxe difundida nas súas redes sociais, o Concello de Lalín agradeceu tamén o traballo dos servizos de emerxencias e o seu esforzo neste operativo, que "se desenvolveu de forma exemplar nunhas complicadas condicións climáticas".

Pola súa parte, o Concello de Agolada tamén expresou en redes as súas condolencias polo accidente, polo que "o pobo enteiro está consternado". Desta localidade eran tres das seis vítimas: unha veciña de Carmoega, Mercedes Castro, e unha nai e o seu fillo, Cruz Castro e Jaime Val, de Brántega. Esta mesma segunda feira reuniranse para decretar loito oficial.

O municipio de Nigrán tamén decretou tres días de loito oficial polo falecemento dun dos seus veciños neste suceso, Eneas Valverde, de 21 anos, a vítima máis nova deste tráxico suceso. A sexta vítima mortal deste suceso é unha muller de orixe peruana que vivía en Soutomaior, Edith Luz.

Así as cousas, o Concello de Cerdedo-Cotobade, onde tivo lugar o tráxico accidente, convocou para esta segunda feira, ás 12 horas, un minuto de silencio.

E tamén se sumou ao loito oficial nesta xornada a Deputación de Pontevedra, cuxos edificios administrativos teñen xa as bandeiras a media hasta. A presidenta, Carmela Silva, trasladou as "condolencias da corporación ás familias das persoas falecidas" e desexou unha "pronta recuperación" ás persoas feridas.