Os centros de ensino abeiran xa o millar de contaxios

A necesidade de ventilación obriga a manter abertas as ventás na aula. (Europa Press)

A preocupación pola evolución sanitaria non é allea ao contexto educativo. Na última semana, os casos positivos nas aulas aumentaron en máis de 300, e en perto de medio cento nas últimas 24 horas. O profesorado alerta de que a chegada do frío fará medrar aínda máis os casos sospeitosos e reivindica instrucións claras para que a ventilación na aula, que se fai a costa de pasar frío, sexa realmente efectiva. Voces vinculadas ao ensino reivindican tamén criterios claros e homoxéneos sobre o tratamento dos focos na aula

Máis de 900 contaxios certificados, 47 novos nas últimas 24 horas, e perto de medio cento de aulas fechadas é o balance que deixa a Covid-19 nas escolas infantís e centros de educación non universitaria galegos a mes e medio do inicio do curso nas primeiras etapas.

Coa cidade de Vigo encabezando a lista de incidencia con 131 casos en 71 centros, os números nos núcleos máis poboados oscilan entre os 70 de Compostela e os 39 de Pontevedra ou Ferrol, e superan o medio cento en Ourense, na Coruña e en Lugo. 

As cifras, as máis altas desde o retorno após o verán, preocupan pola evolución ascendente e tamén polas incertezas que xeran respecto ao futuro inmediato da docencia nun contexto que non convida ao optimismo: nunha semana, os casos positivos nos centros de ensino medraron en 50%, desde os 608 que a Xunta notificaba o pasado día 20 aos 914 de onte, e tomando como referencia a última cuarta feira de setembro, a do día 30, a progresión faise máis notoria, ao terse triplicado desde entón o número de casos. 

"A cuestión é que o seguimento dos casos faise de forma aleatoria. Non hai uniformidade e non sabemos cales son os criterios obxectivos que levan, nunhas ocasións, a tomar decisión de fechar unha aula e noutras, co mesmo número de positivos, a confinar unicamente un grupo de persoas. Iso créanos moita inseguridade", apunta a docente Alexandra Cabana, portavoz da plataforma Profesorado en Pé.

A advertencia toma sentido se se atende aos datos de aulas fechadas por mor do coronavirus a longo das últimas semanas: onte, con 914 casos, eran 46 as aulas suspendidas –ademais de dous centros completos, dúas escolas infantís, en Lugo e en Boborás–, só unha máis das que se fecharon a finais de setembro, cando se contabilizaban 341 casos, e o duplo que hai dúas semanas cando, con 486 positivos, as aulas fechadas eran 23.

Casos sen notificar

Así se recolle nos partes que a propia Xunta remite aos medios de comunicación a diario –de terza feira a sábado– para actualizar a situación sanitaria no ámbito educativo. Porén, nas últimas horas hai voces que denuncian que os números que se recollen nestas táboas non reflicten a realidade dos centros.

Facíao notar esta semana o deputado do BNG Manu Lorenzo nunha iniciativa parlamentar na que denuncia a existencia de varios positivos no instituto de Soutomaior "nos que a Consellaría de Sanidade non realizou as notificacións que debería ter feito para que o alumnado gardase corentena" até pasados cinco días desde a detección.

"A irresponsabilidade da Xunta é intolerábel. Estamos vendo alumnos que deberían estar gardando corentena e aos que a Xunta nunca informou, polo que asisitiron ao instituto e mesmo conviviron con familiares de risco", censura o tamén portavoz municipal, que apunta a problemas coas notificacións dos positivos, pola diversidade de centros de saúde aos que acode o alumnado deste centro, que ten como centro sanitario adscrito no protocolo Covid o de Arcade.

Hai tan só unha semana, familiares dunha alumna do CEIP de Vite I de Compostela alertaban de deficiencias similares coa comunicación dun caso positivo e a xestión, tanto do illamento dos contactos estreitos como da realización de PCR, que se fixeron de distinta maneira e en distintos tempos segundo centro de saúde de cada menor.

"Sabemos, por exemplos coñecidos, que os casos que comunica a Xunta non sempre concordan cos que ten o centro e que en ocasións pasan días desde que certifica un positivo até que aparece nos listados", confirma a integrante de Profesorado en Pé, antes de engadir outra disfunción derivada da delegación en cada centro da responsabilidade da xestión do coronavirus.

"Existe un problema co manexo dos datos que debería facer revisar o protocolo, porque a comunicación de casos bate en ocasións coa lei de protección de datos: hai obriga de protexer a identidade dunha persoa contaxiada pero tamén de garantir a seguridade das compañeiras e compañeiros que comparten espazos con esa persoa", expón. O resultado leva a que cada centro decida comunicar ou non un caso en espera de confirmación e tamén os tempos nos que ofrece esa información.

Ventilación

Para esta docente, que dá clases no IES Terra Chá de Castro Ribeiras de Lea, no concello de Lugo, as dificultades de detección e xestión continuarán en aumento conforme vaia chegando o inverno, dada a similitude de síntomas que a Covid-19 presenta con doenzas estacionais como a gripe ou o arrefriado; máxime, ante a instrución de reforzar a ventilación como mecanismo de prevención.

"Estamos ventilando a costa de pasar frío", subliña esta profesora, que demanda "criterios claros" por parte da Xunta, para evitar actuacións contraditorias segundo o centro ou condutas incorrectas. "Nalgúns lugares a indicación é manter a porta da aula aberta, ademais das ventás, e noutros prohíbese abrir as portas", exemplifica. 

As eivas coa ventilación foron trasladadas hai xa unhas semanas á Consellaría de Educación pola Confederación de Anpas Galegas ante a diversidade de condicións estruturais dos centros e das condicións meteorolóxicas, e a crecente aparición de síntomas compatíbeis co coronavirus nas aulas.

A entidade reclamaba entón "normas claras, concisas e comúns" ou alternativas "precisas" para a renovación de aire, despois da negativa da Inspección de Traballo a autorizar a instalación de purificadores de aire con filtros HEPA adquiridas polas ANPA nalgúns colexios e institutos. 

O pasado día 20, a Xunta acordou, en resposta a estas peticións, trasladar a cuestión ao comité educativo de cara a adoptar "orientacións específicas" sobre ventilación, baseadas en "criterios científicos" e avaladas pola Autoridade sanitaria. 

Pasados case dez días, o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, pregúntase "a que espera" a Consellaría para tomar unha decisión, que debe chegar "a todos os centros".  "Ventilar si, e ventilación natural tamén, mais non podemos pensar que imos pasar o inverno coas xanelas abertas", alerta, facendo alusión aos "moitos" centros do interior do país nos que se vai con mantas á clase e nos que "docentes e alumnado pasan frío malia estar abrigados".