Sanidade pública

Sen cita até 2024: denuncian o 'bloqueo' de axendas de médicos en Viveiro

A falla de profesionais provoca as listas de agarda en Atención Primaria. (Foto: Europa Press)
"A situación de caos do ambulatorio provocará que moitas persoas queden sen médico de familia e teñan que visitar a algún dos outros profesionais do centro", alertan desde a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña.

Sen consultas no que resta de ano. As citacións para algúns médicos no centro de saúde de Viveiro (A Mariña) van suspenderse até o próximo 2 de xaneiro, segundo denunciou a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña.

Nun comunicado, este colectivo advertiu da "situación de caos" do ambulatorio que "provocará que moitas persoas queden sen médico de familia e teñan que visitar a algún dos outros profesionais do centro". Segundo informou a plataforma, isto suporá "unha sobrecarga para o resto do persoal", que terá que asumir aos pacientes que quedan sen médico, e afectará tamén as persoas que non poidan pedir unha cita co seu doutor.

Recalcan que é unha "situación especialmente grave para a Atención Primaria", posto que unha das súas principais características é a proximidade e confianza entre profesional e paciente para lograr unha boa relación que favoreza á evolución positiva das posíbeis doenzas das persoas.

Desde a plataforma afirman que xa desconfiaban das "boas noticias" que lles trasladaba o pasado domingo a Xerencia, e exixen á Xunta que pare de "enganar a xente e comece a solucionar os problemas que ten enriba". Problemas que, aseguran, son "os únicos responsábeis".

A Xunta fala de "terxiversación"

Ante o comunicado de Defensa dá Sanidade, fontes da xerencia da área sanitaria de Lugo trasladaron á axencia Europa Press que a denuncia é "unha terxiversación" que "non ten nada a ver coa realidade", debido a que as axendas ás que se refire son atendidas "a través doutros profesionais do centro" mentres non se resolve un concurso.

Argumentan que estas dúas axendas corresponden a dúas prazas vacantes, das cales, unha delas foi sacada nun concurso de méritos "que está a punto" de ser resolvido e que dotará ao centro de saúde de Viveiro "do cuarto médico fixo". "Os pacientes adscritos a esa cota están a ser atendidos polos outros profesionais do centro de saúde, cuxa colaboración, traballo e esfurzo agradecemos, unha vez máis, desde a xerencia da área sanitaria", engaden estas fontes, que inciden en que se trata dunha "cuestión de organización interna do traballo".