Sanidade colapsada en Sanxenxo: "As medidas do lecer nocturno son un pasaporte ao libre contaxio"

Mocidade nunha rúa de Sanxenxo após a reapertura do lecer nocturno (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
"As medidas adoptadas polos nosos gobernantes non son acordes a ciencia, senón a outros intereses nos que non imos entrar", lamentan desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo, un municipio que fica no nivel medio de restricións malia liderar a incidencia no Salnés. Aliás, cómpre lembrar que a Xunta non computa os contaxios de turistas.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo fai este domingo un "chamamento á responsabilidade individual e aos órganos de goberno municipal e galego", por mor do "brutal incremento de casos da Covid-19" rexistrado nas últimas xornadas neste concello e os seus arredores.

"Os médicos de familia están atendendo unha media de 90 pacientes por xornada, e o Punto de Atención Continuada (PAC) vese desbordado, xa que só existe un facultativo para atender, por quenda, arredor de cen pacientes", afirman, nun comunicado difundido aos medios.

Salientan, así mesmo, que os seguimentos de positivos e probas de cribado fanse no centro de saúde de Baltar, polo que o persoal "debe cumprir quendas de 14 horas un día tras outro".

"Levamos 14 meses de loita, con pequenos remansos entre vaga e vaga nos que o persoal (administrativos, persoal de limpeza, enfermeiras, médicos, etc.) tratan de devolver a normalidade ao servizo sanitario público, mais cada vez con menos persoal e maiores requirimentos e sacrificios", engaden.

A este respecto, lamentan atopar pola rúa persoas que os propios sanitarios positivaron da Covid, "vendo como as aglomeracións son fomentadas desde o propio goberno municipal".

Sanxenxo, co lecer nocturno aberto pese a liderar a incidencia

Tal e como xa informou este xornal, o concello de Sanxenxo fica no nivel medio de restricións —que permite á hostalaría atender no interior e a apertura do lecer nocturno— malia contar cunha incidencia acumulada a 14 días maior que A Illa de Arousa, Vilagarcía ou Vilanova, que, pola contra, si están no nivel alto.

Cómpre salientar, así mesmo, que a Xunta non contabiliza nun municipio os positivos de persoas non residentes, polo que a incidencia en Sanxenxo podería ser aínda maior debido ao turismo.

"As medidas adoptadas polos nosos gobernantes non son acordes a ciencia, senón a outros intereses nos que non imos entrar", censuran, e engaden que o requirimento do certificado de vacinación, unha PCR ou unha proba de antíxenos para acceder ao lecer nocturno é "un pasaporte ao libre contaxio", xa que "os test de antíxenos ou de saliva só serven cando as persoas xa teñen síntomas, polo que unha persoa pode estar contaxiada e dar negativo".

Aliás, "unha persoa vacinada cun sistema inmunolóxico debilitado ou de idade avanzada pode sufrir secuelas que lle van complicar o seu estado de saúde e incluso a súa supervivencia" se contrae a enfermidade, algo posíbel aínda coa pauta completa do fármaco.