Sanidade aplica criterios dispares para pór restricións nos concellos do Salnés

Bañistas en Sanxenxo a comezos deste verán (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
O subcomité clínico decidiu non mudar os niveis de restricións decretados na terza feira malia o incremento dos contaxios. Deste modo, Sanxenxo continúa no chanzo medio, mentres A Illa, Cambados, Vilagarcía e Vilanova seguen no alto. Sanidade non aclara o criterio empregado nesta decisión.

Na pasada cuarta feira, após o encontro mantido co Comité Clínico, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciaba unha mudanza no criterio que se viña empregando nos últimos meses para decretar o nivel de restricións que se aplica a cada concello —medio-baixo, medio, alto e máximo—. Deste modo, a incidencia acumulada (IA) a 14 días seguía a ser o eixo central, mais sería "axustada" en función da ocupación hospitalaria, unha demanda que fora formulada horas antes do encontro polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín (PP), quen pedía que o seu concello non entrase no chanzo alto —que implica o fechamento do lecer nocturno e do interior dos locais hostaleiros, e as terrazas a 50% de capacidade—, a fin de non "truncar" a súa recuperación económica no período estival.

Sen entrar en máis detalles sobre como se realizaría ese "axuste" da incidencia acumulada —a pesar das preguntas formuladas pola prensa ao respecto—, o Goberno galego decidiu situar no nivel alto Cambados, A Illa de Arousa, Vilagarcía e Vilanova e manter no medio Sanxenxo, a pesar de que a súa IA a 7 días era a máis elevada da comarca do Salnés e a terceira a 14 días. Aliás, cómpre salientar que estes municipios comparten o Hospital Público do Salnés —en Vilagarcía—, que esta sexta feira, 16 de xullo, conta cun único doente internado en planta.

A decisión foi criticada polos rexedores dos concellos nos que se estabeleceu o nivel alto —en vigor desde esta madrugada, malia que a pasada semana xa se atopaban nesta categoría—, polo que na quinta feira solicitaron unha reunión de urxencia co conselleiro para exixirlle explicacións sobre o novo criterio que se está a empregar. Telmo Martín advertira antes do encontro: "Temos que ser moi conscientes de que nos estamos xogando o medio de vida de miles de familias de Sanxenxo nunha tempada que estaba sendo moi boa".

Sen novidades malia o incremento de contaxios

Nesta sexta feira o subcomité clínico reuniuse de novo para, alén de amosar a súa "preocupación" polo aumento dos contaxios e valorar un endurecemento próximo das restricións a nivel xeral, revisar a evolución da Covid-19 nos municipios do Salnés. Porén, Sanidade decidiu non mudar os niveis decretados na cuarta feira. "Comprobouse que hai concellos, sobre todo no Salnés, que incrementaron os positivos, polo que quedan como están [até a reunión do Comité Clínico da vindeira terza feira]", expuxeron fontes de Sanidade en declaracións aos medios.

Con todo, segundo os datos máis recentes, Sanxenxo lidera na comarca a incidencia acumulada tanto a 7 como a 14 días, cun dato que triplica a media galega: 867 contaxios por cada 100.000 habitantes. Pola contra, en Vilagarcía, o municipio do Salnés con maior poboación, é de 508, mais ficará unha semana máis no nivel alto.

Tamén cómpre salientar, como xa adiantou Nós Diario esta semana, que Sanidade non computa no municipio onde se rexistran os positivos de persoas non residentes, polo que en Sanxenxo, cuxa poboación chega a multiplicarse por oito no verán polo turismo, a incidencia podería ser moito maior do que reflicten os datos oficiais.

Fontes da Consellaría consultadas por este xornal desbotaron aclarar cal foi o criterio empregado para manter a vila turística de Sanxenxo no nivel medio, únicamente responderon que os concellos da Illa, Cambados, Vilagarcía e Vilanova fican no alto "porque aumentaron os contaxios e se baixasen agora de nivel habería que subilos de novo na próxima revisión [na terza feira]". 

Máis de 8.000 casos activos na Galiza

No conxunto do país, os casos activos medran unha xornada máis até os 8.319 (1.111 máis que un día antes), superando unha barreira que non se alcanzaba desde mediados de febreiro. Aliás, a incidencia acumulada a 14 días volve subir e sitúase en 297 casos por cada 100.000 habitantes —por riba de 250 o Ministerio de Sanidade considérao "risco extremo"—.

Tamén repuntan os novos contaxios, un total de 1.342 (+245), e a taxa de positividade das Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) fica en 9,5%, practicamente o dobre do limiar de 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a transmisión vírica. Con todo, a cifra de pasamentos desde o inicio da pandemia continúa en 2.441, ao non notificar Sanidade novos óbitos.

No tocante á presión asistencial, increméntanse os internamentos en hospitalización convencional até os 82 (+17), e permanecen outras 14 persoas na UCI. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, alertou na sexta feira de que a idade media das e dos doentes nas unidades de críticos caeu aos 43 anos, "algo inaudito na primeira, segunda e terceira vagas, cando case duplicaba a actual".

"Pido un esforzo especial de dez semanas para a xente nova, para que se coiden, non se contaxien e non teñan que estar en corentena", dixo, e engadiu que, malia que os seus familiares estean vacinados, "non significa que cubra 100% do risco".

Por outra banda, nas residencias de maiores non se produciron novos contaxios, mais continúan infectadas sete residentes do centro de Campolongo (Pontevedra).

93% dos maiores de 40 están vacinados

Até o momento, 1.544.217 persoas contan xa coa pauta completa da vacina contra a Covid-19 na Galiza (62,9% da poboación total a inmunizar). Aliás, un total de 1.791.693 recibiron, cando menos, a primeira dose (73%). Malia que o país está a achegarse ao obxectivo de 70% de cidadáns coas dúas doses para alcanzar a "inmunidade de grupo", o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, considerou insuficiente esta porcentaxe á vista do crecente aumento dos contaxios das últimas semanas e apostou por chegar a 90%.

Estes días seguen a ser citadas as e os galegos de entre 30 e 39 anos, e o colectivo inmediatamente anterior será chamado, de cumprírense as previsións, a partir do vindeiro 9 de agosto. Así as cousas, cómpre salientar que 93,7% das persoas maiores de 40 xa foron vacinadas cunha dose.