A Xunta exclúe dos datos oficiais da Covid os novos contaxios e casos activos de turistas

Turistas en Sanxenxo, a comezos de xuño (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
Os municipios turísticos son os que máis están a padecer a crecente escalada da Covid-19, malia que nos rexistros oficiais da Xunta non figuran os contaxios de persoas non residentes na Galiza en cada municipio, polo que as cifras serían aínda maiores. Aliás, hoxe o Comité Clínico podería aumentar as restricións en numerosos concellos.

Desde que o pasado 9 de maio decaera o estado de alarma e a Galiza se vira inmersa no maior proceso de desescalada e apertura desde o Nadal, todos os indicadores da pandemia comezaron a medrar de forma significativa até situar o país en cifras de finais de febreiro.

Segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos recadados até as 18 horas do domingo, os casos activos repuntan unha nova xornada a 5.058 (497 máis que o día anterior), mentres os novos contaxios volven subir após a lixeira caída do domingo, con 630 (+111). Aliás, a taxa de positividade das probas PCR medra até 11,2%, máis do dobre do limiar de 5% que a Organización Mundial da Saúde recomenda para dar por controlada a transmisión vírica.

A área sanitaria de Vigo acumula a meirande parte das infeccións activas, 1.058 (+98), moi perto das de Ourense-Verín-O Barco, con 980 (+157); A Coruña-Cee, con 957 (+74), e Pontevedra-O Salnés, con 869 (+83). Séguenas as áreas de Compostela-O Barbanza, con 535 (+51); Lugo-A Mariña-Monforte, con 467 (+20), e Ferrol, con 192 (+14).

A pegada do turismo nunha "Galiza segura"

A chegada do bo tempo, sumada ao inicio da tempada turística, situou a ocupación hoteleira media en maio en perto de 20%, segundo as últimas cifras oficiais fornecidas por Turismo da Galiza. A estimación do mes de xuño prevé duplicar este dato, en especial en destinos especialmente atractivos para o turismo como as comarcas do Barbanza ou O Salnés. E, de cara ao final de xullo, o sector fala de entre 60 e 70% no conxunto da Galiza, co obxectivo de superar ao remate do verán o millón de turistas.

A capital galega é boa mostra disto, xa que o pasado mes a Oficina do Peregrino expediu 14.825 compostelás, tres cuartos do total acumulado de 2021. Precisamente en Compostela a incidencia acumulada (IA) a 14 días é de 104 casos por cada 100.000 habitantes, cinco veces máis que a mediados de xuño.

A este respecto, cómpre salientar que, segundo puido contrastar Nós Diario, os positivos confirmados de persoas non residentes non computan no municipio, polo que o incremento de contaxios sería aínda maior tendo en conta as e os turistas doutros territorios do Estado e mesmo procedentes doutros países que contraen a enfermidade en municipios galegos durante a súa estadía.

Desde o Goberno galego, así mesmo, vense insistindo nos últimos meses na promoción da Galiza como un "destino seguro" para as e os viaxantes.

Noutra orde, os concellos de Cambados, Sarria, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, actualmente no nivel alto de restricións, ficarían unha semana máis coas mesmas restricións con base na súa IA a 14 días, que rolda valores moi semellantes aos que barallaba o Comité Clínico —que se reúne na tarde desta terza feira— hai sete días. A este nivel poderían sumarse, polo notábel incremento da incidencia en dúas semanas —en especial nesta última— outros 25 concellos, coma Boiro, A Pobra do Caramiñal ou Sanxenxo.

En consecuencia, os locais hostaleiros deberían fechar no interior e abrir nas terrazas a 50%. Pola contra, A Illa —hoxe tamén no alto— ten unha IA superior a 500 casos por cada 100.000 habitantes, polo que podería pasar ao nivel máximo xunto a outros seis municipios, entre eles Ourense, que experimentou unha forte repunta nas últimas datas e ten unha IA a 14 días de 520.

Así as cousas, até 46 localidades teñen hoxe uns valores de incidencia acumulada que os situarían no nivel medio de restricións —que reduce a capacidade na hostalaría a 30% no interior e 50% no exterior—, entre elas A Coruña, Lugo ou Vigo. Porén, cómpre lembrar que as persoas expertas valoran outros indicadores para os cambios de nivel como a presión hospitalaria, que segue a ser baixa no conxunto do país con 55 doentes en planta (-1) e once na UCI (sen cambios). E tampouco medran as vítimas mortais, cunha cifra que desde o inicio da pandemia fica en 2.439.

A mocidade, sen vacinar, dispara a incidencia

As persoas menores de 29 anos continúan a concentrar boa parte dos casos activos rexistrados no país. Así, mentres que a incidencia acumulada a 14 días é na Galiza de 181 casos por cada 100.000 habitantes, entre a xente nova rolda os 500, multiplicándose por catro desde o pasado 1 de xullo, cando volveu operar o lecer nocturno nos concellos de nivel medio-baixo —no nivel medio pódese acudir, mais unicamente achegando unha proba PCR negativa realizada nas 48 horas anteriores—.

Mais trátase, precisamente, do único grupo poboacional que aínda non foi citado na Galiza para recibir a vacina contra a Covid-19 —este mes proseguen as persoas de entre 30 e 39 anos, das que 42,4% xa recibiron a primeira dose—.

En termos globais, 1.476.204 persoas contan xa no país coa pauta completa (máis de 60% da poboación susceptíbel de se inmunizar), mentres un total de 1.764.989 recibiron, cando menos, a primeira dose.

Sete contaxios nas residencias de maiores

O pasado sábado a Consellaría de Sanidade notificara o xurdimento dun novo surto nunha residencia de maiores, o centro García Hermanos de Betanzos, con cinco usuarios e usuarias contaxiadas. A elas hai que sumar os dous novos casos detectados nesta segunda feira na residencia de Campolongo, en Pontevedra, tamén entre residentes.