A epidemia expándese desde Madrid ao Estado

A conexión madrileña do coronavirus galego

Foz é unhas vilas que se ten queixado pola presenza de madrileñas [Imaxe: Nós Diario].

O coronavirus xa matou unha persoa na Galiza. Trátase dunha viguesa de 92 anos ingresada no hospital de Povisa desde hai días e que padecía de patoloxías previas derivadas da idade. A súa vía de infección lévanos a Madrid.

Os primeiros focos de infección por coronavirus en Vigo procedían de Madrid. Segundo sinalaron desde o Servizo Galego da Saúde (Sergas), a práctica totalidade das máis de 20 persoas afectadas na cidade pola epidemia tiveron relación con Madrid. Se os primeiros casos detectados se corresponderon cunha familia de Moaña infectada por un membro da mesma, após unha viaxe a Madrid, o resto das doentes presentaban unhas vías de infección semellante. Só unha persoa, neste caso de orixe estranxeira e ingresada na clínica de Fátima, presentou unha vía diferente de contaxio.

a práctica totalidade das máis de 20 persoas afectadas na cidade pola epidemia tiveron relación con Madrid, segundo sinalaron desde o Sergas

Vigo non foi unha excepción. Outro tanto aconteceu na Coruña co primeiro caso diagnosticado na Galiza, un madrileño que acudiu á cidade a realizar unha entrevista de traballo no grupo Inditex, ou en Compostela. Neste caso tratouse dunha moza galega, estudante na capital do Estado, que regresou á súa localidade unha vez que se suspenderon as aulas universitarias. Os últimos dados ofrecidos pola Xunta da Galiza recoñecían 15 doentes confirmados na área sanitaria de Compostela, a terceira máis afectada após A Coruña e Vigo.

Os últimos dados ofrecidos pola Xunta da Galiza recoñecían 15 doentes confirmados na área sanitaria de Compostela, a terceira máis afectada

Madrid é tamén a vía de penetración do coronavirus en Lugo. O primeiro contaxiado foi un veciño de Foz que acudiu pasar o Entroido a Madrid cun dos seus fillos, posteriormente a enfermidade afectou á súa parella e a outra muller relacionada coa mesma. Tres de sete doentes detectados na área sanitaria luguesa estaban ligadas a esta familia, vinculando as fontes médicas ás outras catro persoas enfermas a Madrid con fonte da infección.

O contaxio seguiu o mesmo camiño noutras áreas da Galiza. Así, por exemplo, en Pontevedra a procedencia dos tres primeiros casos detectados levou tamén a Madrid. O primeiro deles era un transportista do concello de Meis, o segundo un madrileño que acudiu de vacacións a un balneario e a terceira a deputada do Partido Popular Ana Pastor. Pastor non foi a única dirixente política con responsabilidade institucional na capital do Estado que caeu enferma, nunha situación semellante atópase a súa compañeira de partido, Carmen Leite, senadora popular por Ourense.

Galiza, a segunda residencia 

Galiza recibiu miles de persoas procedentes de Madrid ao longo da última semana. As primeiras chegadas masivas de madrileñas producíronse a pasada fin de semana, tal e como se observou naquelas localidades, onde cidadáns desta comunidade teñen un segundo domicilio, un movemento moi intenso. A tendencia acentuouse nos últimos días en diversas vilas e comarcas da costa galega, como O Salnés ou A Mariña, até o punto de denunciar as residentes das mesma a actitude das cidadás chegadas de fóra.

"semellaba que precisamente o que tentaban era animar á xente a abandonar a cidade para evitar o colapso do seu sistema sanitario”, declaran a 'Nós Diario'

O número de madrileñas presentes na Galiza é moi elevado. Así, por exemplo, unha traballadora dunha área comercial da comarca da Mariña sinalou a Nós Diario, que “as vendas da sexta feira estiveron á altura de calquera día bo da última quincena de xullo ou da primeira quincena de agosto”. Na mesma liña, unha empregada dunha gasolineira do Salnés afirmaba que “o consumo de gasolina foi semellante ao de agosto, aumentando tamén as vendas de combustíbeis para motocicletas, pois moitas destas familias recuperaron estes vehículos que adoitan empregar nas vacacións”.

A negativa do Goberno do Estado a fechar Madrid abriu a vía a espallar o coronavirus por Galiza. Segundo sinalan a Nós Diario fontes do Sergas “o peor está aínda por chegar pois falla por verificar o impacto que na extensión do coronavirus van ter as miles persoas chegadas desde Madrid na última semana”. Así, estas fontes sorprendéronse “porque o Goberno e a Comunidade de Madrid levaban advertindo dos riscos que se corría en Madrid e ao mesmo tempo non fixeran nada para evitar que a xente saíra. Semellaba que precisamente o que tentaban era animar á xente a abandonar a cidade para evitar o colapso do seu sistema sanitario”.