A central hidráulica proxectada en Cornanda (Brión) pon en risco a continuidade de 36 granxas

Cornanda 1

A veciñanza da Cornanda, en Brión (comarca de Compostela), leva meses mobilizándose contra dous proxectos de centrais hidráulicas que hipotecan o futuro da parroquia. Precisamente, hoxe, organizan un roteiro reivindicativo desde o encoro de Barrié de la Maza no río Tambre até Pedra do Santo, en Busto, no mesmo municipio de Brión.

As xentes da Cornanda saben das consecuencias dunha central hidroeléctrica. Tanto é así que levan desde 1948 convivindo cun encoro que anegou as mellores terras de labranza, impediu o desenvolvemento económico, impulsou a emigración forzosa de ducias de familias e mudou o clima da zona, introducindo unhas néboas descoñecidas até aquel entón. Non por un casual as áreas próximas aos encoros sitúanse á cola en nivel de renda e rexistran os peores datos demográficos da Galiza.

E, neste contexto, as centrais hidráulicas volven petar na porta da Cornanda. Un dos proxectos, cunha potencia de 339 megawatts, está promovido por Capital Energy, unha empresa con sede fiscal en Madrid, propiedade do pai dos netos de Florentino Pérez, Jesús Martín Buezas, e conectada co Goberno galego, que lle autorizou 246 MW eólicos. Outra das propostas, cunha potencia de 470 MW, está impulsada pola galega Espiral Renovables, filial da enerxética Tasga, compañía ligada a José Luís Suárez, presidente da construtora Copasa, unha das empresas investigadas polo financiamento ilegal do PP.

Balsa de 35 hectáreas

A balsa prevista para a central da Cornanda ocuparía unha superficie de 35 hectáreas (Ha). A este respecto, Marta Romero, unha das voceiras da Plataforma Non á Balsa Cornada-Tambre, explica a Nós Diario que “a balsa fica moi perto dos núcleos de poboación, situándose a só 198 metros das vivendas do núcleo de Busto de Frade e ficando 75 metros por baixo as casas desta balsa, o que supón un perigo potencial para toda a aldea diante de calquera imprevisto natural ou provocado”. Neste punto, destaca “a existencia dunha falla na zona onde vai emprazada a central, co risco que pode representar”.

O impacto económico destas instalacións sería moi importante. Así, Romero, sinala que “a construción da central significaría a desaparición de 36 explotacións agrarias e gandeiras situadas na área de influencia”. Apunta que “48% dos terreos precisos para a balsa son de uso agrícola, traballadas por explotacións que teñen á fronte persoas novas ou contan con relevo xeracional”. Ao tempo, destaca “a incidencia que a actuación pode ter na actividade marisqueira da ría de Noia, onde desemboca o Tambre”.

O Bloque Nacionalista Galego repara, tamén, nesta cuestión. Nesta dirección, critica que “a ocupación dunha gran superficie de terreos forestais, agrícolas e gandeiros vai supor a perda do modo de vida e da actividade económica fundamental desta parroquia sen posibilidade de recuperala e impedindo a implementación no futuro doutras actividades como poderían ser a do turismo rural ou de natureza". "Coa execución de calquera destes proxectos afondaríase claramente no despoboamento e abandono da zona”, advirte a formación política.

Rede Natura

A afección ambiental da central preocupa á veciñanza e ao movemento ecoloxista. Nesta liña, desde a Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza (Adega) denuncian que “os proxectos presentados atinxen directamente ao espazo da Rede Natura 2000 ZEC Esteiro do Tambre situado augas abaixo do encoro de Barrié de la Maza. As obras afectarían tamén de modo indirecto á ZEC Río Tambre augas arriba do antedito encoro. Ademais, a proposta de ampliación da RN2000 que a Xunta da Galiza presentou no ano 2008, pretendía o alongamento do LIC Río Tambre das actuais 583 até as 1.148,151 Ha”.

Romero avanza novas mobilizacións da veciñanza: "Levamos xa varios meses facendo chegar as nosas reivindicacións á cidadanía, cun labor de información e presentación de alegacións e agora preparamos unha manifestación para o sábado 30 de setembro en Compostela, onde agardamos o apoio doutros colectivos ás nosas demandas”.