Unha manifestación en Compostela reclama unha CRTVG "a servizo do pobo"

A manifestación decorreu este domingo en Compostela (Foto: Nós Diario).
A mobilización decorreu baixo o lema 'Por unha CRTVG a servizo do pobo'

As rúas de Santiago de Compostela foron o escenario dunha manifestación convocada polo Comité Intercentros da CRTVG que foi apoiada por até 60 colectivos.

A mobilización decorreu baixo o lema 'Por unha CRTVG a servizo do pobo' e na cal se escoitaron consignas contra a "manipulación informativa" e o "secuentro dos medios públicos por parte do PP".

"Entendemos que a CRTVG está secuestrada polo Goberno galego do PP na Xunta da Galiza para perpetuarse no poder", relataba a este xornal, Tiago Alvite, presidente do Comité Intercentros da Corporación da radio e televisión públicas galegas.

Represión sindical

Outra das denuncias principais que fan desde o Intercentros e que tamén motivou a convocatoria da manifestación, foi, en palabras do propio comité "a represión sindical que se vive no seo da CRTVG".

"O comité considera que os apercibimentos que recibiron estes días varias centrais sindicais, nos que a dirección de recursos humanos identifica a certas persoas sindicalistas e as acusa de vulnerar os límites legais da liberdade sindical, non son máis que represalias para intentar amedrentarnos", indicaban desde o Intercentros.

A renovación do director xeral

Algo que tamén vén denunciando gran parte do cadro de persoal da CRTV, é o "bloqueo par parte da Xunta da renovación do director xeral da Corporación", un proceso que debe ter lugar no Paramento da Galiza máis que o "PP bloquea".