PSOE e PP impiden que o galego sexa lingua oficial na UE

A Comisión de Asuntos Exteriores do Senado español rexeitou unha iniciativa para forzar o Goberno estatal a impulsar a oficialidade do galego, catalán e euskera na Unión Europea.
Pleno do Senado. (Foto: Senado)
photo_camera Pleno do Senado. (Foto: Senado)

A Comisión de Asuntos Exteriores do Senado español rexeitou, co voto en contra do PP e a abstención do PSOE, unha iniciativa para forzar o Goberno estatal a impulsar a oficialidade do galego, catalán e euskera na Unión Europea.

Esta iniciativa foi presentada polo partido catalán Junts e contou tan só cos votos a favor de ERC, PNV e Bildu, fronte ao rexeitamento do PP, mentres que o PSOE optou por absterse, algo que foi definitivo para que finalmente non saíse adiante.

En concreto, Junts pretendía que o Goberno do Estado traballase en facer oficial na Unión Europea a lingua catalá, aínda que aceptou unha emenda do PNV que estendía esta oficialidade ao galego e ao euskera.

Con todo, finalmente a abstención do PSOE e o rexeitamento de PP impediron que saia adiante.

Sobre isto pronunciouse o portavoz de Junts no Senat, Josep Lluís Cleries, que sostivo que “non existe ningunha base legal que non permita que un Estado declare máis dunha lingua oficial na UE. Para un Estado plurilingüe como o español, existen linguas oficiais que tamén poden ser oficiais na UE".

Pedro Sánchez rompe o acordo coa Generalitat

O propio Goberno de Pedro Sánchez acordara co Executivo catalán na Mesa de Diálogo "impulsar as linguas cooficiais" no Parlamento Europeo.

A este respecto, Cleries reprochou ao PSOE que se comprometera a través da "chamada mesa de diálogo" a promover a lingua catalá e "non serviu para nada". "O PSOE, en lugar de facer antipolítica, debería facer política, e en lugar de estar loitando coa verdade, ten que cumprir os seus compromisos", asegurou.

Comentarios