Miles de persoas denuncian a falta de persoal sanitario na Coruña

Manifestación en defensa da sanidade pública na Coruña. (Foto: Eloy TP)
"Estamos esgotadas, traballando nunhas condicións moi duras". É o sentir común do persoal do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), que saíu á rúa para reclamar, por xunto, máis profesionais. "Non pedimos outra cousa".

Sobrecarga, precariedade e falta de persoal. A Comisión do CHUAC mobilizou na tardiña da quinta feira profesionais sanitarios e cidadanía, os dous polos dunha asistencia pública que leva anos reclamando medios suficientes para unha atención digna e de calidade. "Non podemos máis", sintetiza a presidenta da comisión en declaracións a Nós Diario. O compromiso dos diferentes colectivos profesionais xa non abonda para facer fronte a un "déficit histórico de persoal", engade. "É sabido que o CHUAC é o hospital coa ratio máis baixa de profesional/paciente de toda a Galiza", en medicina interna, en observación de urxencias, detalla; unha eiva que arrastra desde antes da pandemia, que acabou de saturar numerosas unidades e servizos hospitalarios.

O esgotamento do persoal esténdese por todas as áreas do hospital, asegura. "Levamos máis dun mes de concentracións semanais co servizo de urxencias e co bloque cirúrxico. Antes do verán saímos co persoal das unidades de críticos, o ano pasado rebentou a hospitalización. É continuo. E a Xerencia non dá ningunha solución. Por iso saímos á rúa, para que poñan as pilas dunha vez, porque necesitamos aire. Precisamos osíxeno para respirar".

Urxencias

A saturación das Urxencias do CHUAC resume ben as condicións ás que se expoñen pacientes e persoal sanitario, expón Peón. "Levamos anos con xente nos corredores, denunciando un trato denigrante sen que ninguén faga nada". A presidenta da comisión defende que se hai doentes nos corredores é porque existe a necesidade de aumentar as camas de hospitalización e tampouco se fixo malia haber espazos dispoñíbeis no CHUAC e nos centros anexos, advirte. "Agora poñen como escusa o hospital novo, pero pola información que temos o número de camas a ampliar vai ser ínfimo. Necesitamos que a Xunta, o Sergas e a Xerencia aposten por unha sanidade pública de calidade. Mentres non o fagan a cidadanía ten que saber que non podemos darlle máis e mellor atención porque non temos capacidade, non porque non queiramos", di Peón. 

Ritmo frenético

"Disposición témola toda". Mais faltan profesionais que veñan aliviar o "ritmo frenético" de traballo que asume o persoal do CHUAC desde hai dous anos, "dobrando quendas, renunciando a libranzas  que aínda non recuperaron e sen un calendario de traballo que lles diga cando van descansar. Todo é a pedir, a exixir; pero non a dar".

Desde o complexo hospitalario da Coruña denuncian a carencia de persoal estrutural e a precariedade do traballo eventual. "A Xerencia insiste en que non ten posibilidade de contratar en certas categorías como enfermaría ou familia, pero a realidade é que tampouco ofrece contratos dignos que axuden a ampliar a captación de profesionais".

A ansiedade e a sobrecarga física planean sobre o persoal. "O índice de baixas é moi elevado,  non só asociado á Covid", aclara Peón, que urxe solucións para evitar, tamén unha seira continuada de mobilizacións.