Persoal de urxencias e de quirófano do Chuac maniféstase contra a "precariedade laboral"

A quinta feira principiou no hospital coruñés cunha dobre manifestación do persoal, que acusa a xerencia de "desouvir" as súas reclamacións e urxe reforzos para afrontar a sexta vaga do coronavirus.
Manifestación do persoal do Chuac decorrida a comezos de xaneiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación do persoal do Chuac decorrida a pasada semana (Foto: Nós Diario).

Contra as 8 horas desta quinta feira concentrouse o persoal de quirófano do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), para denunciar a "precariedade" que asegura padecer e que "está a aumentar" nas últimas semanas por mor da incidencia da Covid-19.

"O persoal reflicte un déficit de organización que inflúe directamente na calidade asistencial prestada, así como na súa propia saúde", explicou a comisión de centro do Chuac. Os corredores do hospital, afirmaron, "teñen moita aparataxe" e "ocúpanse vías de saída con frecuencia", o que supón un "alto risco de caídas".

"Levamos un tempo en que se están a producir varias quendas de traballo onde se mobilizan equipos de enfermaría destinados a atención urxente á cirurxías programadas, o cal supón un risco para as e os pacientes, xa que é necesario que estean a disposición tantos as equipas como o quirófano para as posíbeis urxencias ou emerxencias que poidan ocorrer", denunciaron.

O persoal de quirófano incide, aliás, na necesidade de incrementar o cadro nas categorías de celador, TCAE e persoal de limpeza.

Mobilización do persoal de urxencias

Apenas unha hora após a concentración das e dos profesionais de quirófano, manifestáronse na entrada do Chuac as sanitarias e sanitarios do servizo de urxencias.

"As e os profesionais continúan co calendario de mobilizacións porque non se está nin sequera a escoitar [desde a xerencia] ningunha das súas peticións. O ritmo de traballo é frenético, as persoas doentes seguen amoreadas nos corredores e non se contrata persoal para atendelas", cuestionaron.

En plena sexta vaga da pandemia, salientaron, "que os profesionais poidan manter as medidas de prevención precisas depende en gran medida dos tempos de traballo", e, para iso, "é imprescindíbel a incorporación de sanitarios de forma urxente a este servizo".

Comentarios