A xerencia do Chuac di que a contratación está "limitada" pola escaseza de profesionais

A Comisión de Centro, pola contra, acusa a xerencia de facer "ouvidos xordos" ante as "reiteradas demandas de persoal" e convoca unha manifestación para o 20 de xaneiro.
Manifestación do persoal do Chuac decorrida a comezos de xaneiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación do persoal do Chuac decorrida a comezos de xaneiro (Foto: Nós Diario).

A xerencia do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) manifestou esta segunda feira, en resposta ás denuncias sindicais sobre a falta de persoal, que se procura dar o "máximo apoio" contratando "todo o persoal de enfermaría e facultativo dispoñíbel para cubrir as ausencias".

Con todo, nun comunicado, afirma que isto "como é sabido, está limitado pola dispoñibilidade de profesionais". "Nun momento en que a atención asistencial mundial está centrada na pandemia", engade.

"Nunha situación tan complicada e inédita que se alongou tanto no tempo, enténdese perfectamente o esforzo que está a realizar o persoal dos centros sanitarios, ao que manifestamos o noso recoñecemento", expón tamén.

A xerencia, porén, defende a xestión en relación ao persoal. Así, apunta que "se incrementou nos últimos anos a estrutura do persoal do Chuac, alén de estabilizar o total do número de prazas do hospital e do resto da área sanitaria nestas categorías, e iniciouse xa o trámite para a estabilización de 101 prazas das 225 correspondentes ao exercicio 2022", remarca.

Novas mobilizacións

Este comunicado chega o mesmo día no que a Comisión de Centro do Chuac convocou unha manifestación para esta quinta feira, 20 de xaneiro, para demandar máis unha vez "máis persoal" e "condicións de traballo dignas".

Así o informaron, en rolda de prensa, os representantes dunha Comisión de Centro con representación da CIG, CCOO, UXT, CSIF, Omega, Satse e USAE. A manifestación partirá ás 19 horas da Casa do Mar e concluirá na chaira do Obelisco. Desenvolverase co lema 'Sen persoal non hai sanidade'.

"A pesar das reiteradas demandas de persoal, a xerencia fixo ouvidos xordos", criticou Lucía Peón, presidenta da Comisión de Centro.

Comentarios