Centos de persoas lembran as vítimas do accidente de tren de Angrois e piden "xustiza" e "verdade"

Concentración partindo da estación de tren de Compostela en memoria das vítimas do Alvia (Foto: Nós Diario).
As e os manifestantes percorreron as principais rúas compostelás ao berro de "Non están esquecidos, están moi presentes; investigación independente".

Oito anos despois do accidente do tren Alvia que na parroquia de Angrois, en Santiago de Compostela, acabou coa vida de 80 persoas e deixou máis de 140 feridos, a Plataforma Vítimas Alvia 04155 manifestouse na mañá deste sábado na capital galega para "lembrar" as vítimas do suceso e pedir "xustiza e verdade", así como "unha investigación independente".

As e os manifestantes saíron da estación de ferrocarril de Santiago ao redor das 11.30 horas e percorreron as principais rúas compostelás ao berro de "Non están esquecidos, están moi presentes; investigación independente" ou "Blanco, Pastor, nunca deixardes de ouvir a nosa voz".

Algunhas das persoas asistentes portaron ademais pancartas e carteis nos que sinalaban directamente os exministros de Fomento do Goberno español, José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP) e nos que se podía ler "A UE e a xustiza demostran as túas mentiras", con fotografías de ambos os ministros.

Ao redor das 12 horas, a comitiva entrou na Praza do Obradoiro, onde peregrinos e turistas, ao ver as pancartas, os recibiron entre aplausos e aclamacións.

"Despois de oito anos non conseguimos nada, péchannos a porta porque non queren que se saiba a verdade", lamentou Ramón Buitrago, membro da asociación e irmán dunha das falecidas, que se encargou de ler o manifesto da concentración.

"A liña non era segura"

"A de Angrois foi a traxedia ferroviaria máis grande da democracia" e os familiares denunciamos reiteradamente que non se tratou dun fallo humano como única causa, senón que o accidente foi consecuencia do comportamento neglixente de Adif, Renfe e Fomento", sinalou Buitrago, que destacou que o pasado maio, o fiscal ratificou o devandito polo xuíz e a audiencia encargados do caso, "que a liña non era segura".

"O accidente non tería sucedido se Adif tivera xestionado o risco de exceso de velocidade, un risco que facía a liña vulnerable ao fallo humano", aseverou o portavoz da asociación este sábado, que insistiu no interese por parte das institucións de "culpabilizar ao último, e máis débil, elo da cadea: o maquinista".

Neste sentido, a plataforma sinalou directamente aos exministros Blanco e Pastor, dos que dixeron que "non asumiron as súas responsabilidades e optaron polo camiño máis fácil e indigno, baseado en culpar o maquinista e en contaminar a opinión pública".

Ademais das consecuencias penais, durante os últimos oito anos, sinalou a asociación, "se han ir coñecendo feitos e condutas moi graves que, aínda que nunca se xulgarán en tribunais, si deberían ter consecuencias políticas".

"Blanco e Pastor, responsábeis"

"José Blanco publicitou aos catro ventos que a liña contaba cos sistemas de seguridade necesarios que evitarían o accidente, e quedou demostrado que non era verdade. Sendo ministro, autorizou o cambio no proxecto orixinal que suprimía o sistema de seguridade no tramo máis perigoso, o de Angrois, onde aparece unha curva despois dunha longa recta", asegurou Ramón Buitrago.

Con todo, para a plataforma de vítimas do accidente, a exministra Ana Pastor "foi a persona que máis traballou desde as institucións públicas para ocultar a causa da traxedia". Así, sinalaron, a ministra popular "prometeu, en privado e en sede parlamentaria, unha investigación técnica independente e plena colaboración xustiza; e mentiu ás vítimas e a todos".

"Baixo o seu mandato, varios cargos negáronse a declarar e non cesou a ninguén", reprendeu Buitrago, que apuntou que "varios autos xudiciais sinalaron a falta de colaboración de Renfe, Fomento e Adif".

"Tamén baixo a responsabilidade de Pastor, desconectouse o sistema de seguridade RTMS, que avisaría o maquinista, porque xeraba atrasos, e obviouse un escrito dun xefe de maquinistas no que alertaba do perigo da curva de Angrois", asegurou Buitrago, quen indicou que, a pesar da presión exercida polo Goberno sobre a UE para ocultar o informe da Axencia Ferroviaria Europea, "que demostraba a verdade", grazas ao empuxe das vítimas "coñeceuse a realidade".

"Pasaron case 3.000 días, catro gobernos e catro ministros de fomento, e aínda non se realizou unha investigación técnica independente, como lle reclama a Unión Europea a España", concluíu Buitrago.

Presenza política

Na marcha participaron o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez; e diversos membros do BNG como a portavoz da formación nacionalista en Europa, Ana Miranda; o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego; a deputada no Parlamento galego, Rosana Pérez; e a portavoz do Bloque en Santiago, Goretti Sanmartín.

Pola súa banda, Ana Miranda avanzou que a próxima semana manterá un encontro co director de Transporte Terrestre da Dirección Xeral de Mobilidade da Comisión Europea, Kristian Schmidt, "co obxectivo de coñecer os avances existentes no procedemento de infracción aberto contra o Estado español en xaneiro de 2019 por incumprimento da normativa comunitaria de seguridade ferroviaria".

Néstor Rego destacou que o Bloque rexistrou, xunto a ERC e EH Bildu, a solicitude de creación dunha Comisión de Investigación que "aclare as causas do accidente do Alvia, retomando os traballos da creada en 2018 e que viu truncada a súa actividade pola disolución das Cortes en abril do ano seguinte".

"As investigacións deben continuar en sede parlamentaria, é necesario que se depuren responsabilidades, tendo en conta que a instrución xudicial, pechada o pasado abril, só deixa como imputados a un xefe de seguridade de Adif e ao maquinista do tren accidentado", sinalou Rego.