Cen venres negros contra o "confinamento" da CRTVG

Máis de 200 profesionais da CRTVG participaron nunha manifestación no verán de 2018 (Imaxe: Europa Press)
En maio de 2018, persoal da CRTVG unido no colectivo Defende a Galega comezou a vestir de loito nas sextas feiras. Cen semanas despois, cunha folga de por medio, seguen a reivindicar unha televisión e unha radio "sen inxerencias políticas" nin "manipulación" informativa. No estado de alarma, co Parlamento disolto, reclaman a "independencia dos medios públicos".

O 3 de abril, na sexta feira, a conselleira de Política Social, Fabiola García, mais o vicepresidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, compareceron na Deputación Permanente para dar contas da xestión dos brotes da COVID-19 en residencias de maiores e persoas con dependencia.

Nin a Televisión da Galiza (TVG) nin a Radio Galega (RG) emitiron a sesión, a segunda do único organismo de control ao Goberno galego após a disolución do Parlamento previa a unhas eleccións galegas en suspensión. En troques, a canle principal mantivo na súa grella un programa de cociña e a TVG2 un de debuxos animados. Unha decisión que motivou as críticas de todos os grupos da oposición a través dun comunicado conxunto.

PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e En Marea sumáronse nas críticas do "uso partidista" dos medios públicos por parte da Xunta. O documento foi publicado coincidindo co 98º venres negro do persoal da CRTVG agrupado no colectivo Defende a Galega, mobilizado para protestar contra as "inxerencias políticas" e a "manipulación" no ente público.

Esa mesma semana, o persoal sinalou a "cobertura propia dunha presidenta do Goberno" que recibiu Corina Porro, delegada da Xunta en Vigo, e as súas cinco comparecencias televisivas en sete días. Porro foi designada cabeza de lista do Partido Popular pola circunscrición de Pontevedra de cara ás eleccións galegas. Tras a suspensión dos comicios, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo,  anunciou o seu renomeamento. 

Na sexta feira posterior, as mensaxes das profesionais de loito tamén chegaron cargadas de tinturas políticas. "En ausencia de control parlamentario faise máis preciso que nunca un Consello de Informativos que vele pola independencia dos medios públicos", advertiron.

A imaxe das camisetas en negro co lema Defende a Galega vénse repetindo cada sexta feira desde o 25 de maio de 2018, sumando un total de cen. E moitas das súas demandas baséanse no cumprimento da Lei de Medios de Comunicación Audiovisual da Galiza de 2011. 

Unha lei por desenvolver

A norma foi froito dun pacto parlamentario entre o PP mais o PSdeG. Supuxo a transformación do ente público nunha sociedade mercantil cunha serie de novidades que ficaron por aplicar. Entre elas, o nomeamento dun director xeral aprobado por dous terzos ou tres quintas partes dos votos da Cámara galega.

Alfonso Sánchez Izquierdo, ex director do xornal La Región, foi a aposta de Núñez Feixoo ao pouco de gañar as eleccións en 2009. Unha designación polémica, en tanto que non contou coa aceptación de ningunha das restantes forzas do Parlamento. Ou cando menos, publicamente, xa que na sesión de control do ente o PP asegurou que Sánchez Izquierdo contaba co beneplácito das socialistas.

E en 2015, a Lei de acompañamento dos presupostos de 2016 do Partido Popular blindou Sánchez Izquierdo no cargo de forma "indefinida". Na véspera duns comicios, a norma permitiu que o director, acusado pola oposición de "manipulación informativa", permanecese no posto a falta de consenso entre os partidos.

Non é este o único artigo sen cumprir. Defende a Galega reclama a creación dun consello de informativos, o órgano de participación interno do persoal ao que a norma adxudica as funcións de "velar pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos informativos".

Outro punto que causa fricción é o relativo ao "impulso da produción propia". En 2012, unha noticia recollida pola propia CRTVG destacaba á TVG como "a televisión pública autonómica cun maior nivel de externalización na súa produción, 64% da programación da grella. 

Após cen sextas feiras, nin as demandas do colectivo nin o cumprimento da norma foron logradas. Nese tempo o persoal foi á folga o 19 de decembro e realizou un parón parcial o 22 dese mesmo mes. A corporación recibiu unha sentenza na que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza anulou os servizos mínimos fixados.

Outra sentenza respecto á primeira xornada condena o ente por "esquirolaxe interna". Unha terceira sentenza condenou a corporación por vulnerar o dereito á folga dunha traballadora no 8 de marzo de 2018

A CRTVG, investigada

Paralelamente, no mes de febreiro, a TVG foi imputada xunto a 13 cadeas televisivas máis na investigación da Audiencia Nacional da fraude coñecida como A Roda. O maxistrado Ismael Moreno atribuíulles un delito de corrupción nos negocios cometido por medio de organización e/ou grupo criminal.

Presuntamente, socias da SGAE  terían rexistrado como propias, e de forma irregular, cancións ou arranxos musicais posteriormente emitidos en programas de televisión nocturnos coa conivencia de persoal. Moreno cifra as ganancias polos dereitos de autoría entre 2006 e 2011 en 100 millóns de euros. A CRTVG confirmou a Europa Press que achegou a documentación requirida polas autoridades no marco da investigación.