Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, afirmou na mañá desta quinta feira na comisión parlamentar de control da CRTVG que as represalias denunciadas por traballadoras e traballadores do ente público carecen de fundamento. Pon como exemplo o feito de que “algúns dos que leron o manifesto” ou participaron da folga e dos Venres Negros “seguen en altos postos de responsabilidade”.
Nesta liña, cualificou as denuncias de manipulación e de represalias na CRTVG de “bulos”. Respondía así a unha pregunta formulada pola parlamentar do BNG Noa Presas sobre o caso dunha traballadora á que se apartou das funcións que desenvolvía após unha sentenza xudicial. O director xeral aduciu cuestións laborais e a nacionalista afirmou que “parece máis unha caza de bruxas”.
Sánchez Izquierdo tratou de desviar as denuncias dos grupos parlamentares advertindo de que as acusacións sobre a CRTVG son “unha falta de responsabilidade”, ao erixir o ente como “o maior altofalante de Galiza”. “Quen crea que construír un relato como o que se está a construír ao redor da CRTVG beneficia o sector audiovisual e os traballadores está moi equivocado”, salientou o dirixente da Corporación, que insistiu nos empregos derivados da TVG e da Radio Galega.
Falta de pluralidade
De entre as críticas formuladas polo PSdeG destacou a “falta de pluralidade e obxectividade” na cobertura da gran manifestación en defensa da sanidade pública e a cobertura do protesto de extrema dereita que tiña lugar á vez en Madrid e á que a CRTVG dedicou máis minutos e esforzos. “A manipulación vai in crescendo”, alertou a deputada Noela Blanco, que tamén denunciou a información difundida sobre a demisión dos xefes de servizo da Área Sanitaria de Vigo.
As “purgas” da TVG a Tati Moyano, Alfonso Hermida e Marga Pazos tamén foron denunciadas polo PSOE.
Por outra banda, tanto en En Marea como o BNG preguntaron polos motivos que levan a TVG a non emitir o documentario Frankenstein 04155, sobre o accidente de Angrois. “O documentario non foi presentado en ningún momento á TVG”, sinalou o director xeral, quen agregou que os medios públicos reciben “moitísimas suxestións e propostas”.
Noa Presas ve na ausencia do documentario na TVG -que foi emitido en TV3 o 20 de febreiro- “unha directriz política”. Paula Vázquez Verao, parlamentar de En Marea, salientou a relevancia do filme no momento actual “por sensibilidade social e compromiso público”. Censurou a explicación de Sánchez Izquierdo, ao entender que a CRTVG “pode ser proactiva”.