Brigada en Matamá

As cen luvas que arrincan eucaliptos

[Imaxe: cedida] Voluntarias e voluntarios que formaron parte da brigada deseucaliptizadora en Matamá.

Son cada vez máis as brigadas deseucaliptizadoras que xorden na Galiza. Trátase dunha iniciativa social que consiste en arrincar eucaliptos para repoboar os montes con especies autóctonas e acabar así coa colonización á que se viu abocado o territorio nos últimos tempos. Este sábado tivo lugar unha acción na parroquia viguesa de Matamá da que participou medio cento de persoas.

Pasaban das 9 horas da mañá do sábado cando medio cento de veciñas e veciños, luvas en man e convocadas e convocados polo Colectivo Cultural e Alternativo Malaherba, dispúñanse a arrincar os eucaliptos dunha extensión de 3 mil metros cadrados en Matamá, parroquia do concello de Vigo, co permiso das persoas propietarias. Levoulles unhas tres horas. Cóntanolo Eduardo Ruanova, presidente da entidade, “todo comezou hai un ano, após o desastre dos incendios, que arrasaron todo o monte”.

 

O portavoz do colectivo lembra a situación dramática daquela vaga de incendios da que se vén de facer un ano, “salvamos a xente e loitamos contra as lapas co que tiñamos na man, con capachos, co que fose”. Da negrura das cinzas conseguiron rebrotar os eucaliptos, moitos dos cales xa superan os dous metros de altura. Eucaliptos que hoxe arrincaron máis dun cento de mans protexidas polas luvas. “O rebrote foi brutal, temos unha auténtica praga”, di Eduardo. Só se salvou a parte do monte inzado de carballos. O resto ardeu.

 

“A principal problemática reside no monte privado porque o das comunidades de montes, máis ou menos, está normal. Houbo persoas maiores que nos cederon os seus terreos para arrincar os eucaliptos. Falamos de xente que non pode atender o monte”, informa Eduardo Ruanova.

 

O resultado foi satisfactorio tanto en número de exemplares arrincados como de participantes malia que o colectivo percibe certa despreocupación na sociedade, “hai un ano imperaba o medo porque a xente temeu xa non só polas súas casas, senón polas súas vidas, mais ese temor baixou. Quizais polos medios de comunicación que se afanan en sacar Abel Caballero [alcalde de Vigo] vendéndonos plantacións e todas as estupideces que se fan nesta cidade”.

 

Eduardo Ruanova: "A semana pasada tivemos unha asemblea de veciñas e veciños e a xente pediunos axuda porque realmente non poden limpar o monte"

 

O próximo paso, após acabar co eucalipto pequeno nunha zona de 3.000 metros cadrados, é cortar os exemplares grandes e unha vez estean retirados, reforestar. “Imos continuar con outras partes do terreo. A semana pasada tivemos unha asemblea de veciñas e veciños e a xente pediunos axuda porque realmente non poden limpar o monte. Así, seguimos traballando con voluntarias e voluntarios para tratar de acabar coa eucaliptización”, conclúe o presidente da asociación, que anima a quen queira a se sumar por medio do correo electrónico colectivomalaherba@gmail.com ou das redes sociais.

 

Reforestación

 

Marcos é un dos tres mozos que en 2006 se xuntaron para organizar o festival de rock Os Sons da Lameira, de onde xurdiu Malaherba. “Nos propios estatutos recollemos a defensa do patrimonio, do medio natural, da cultura e dos vellos costumes de Matamá e desde entón abarcamos todo iso. Facemos diferentes eventos, como a Festa da sementeira do millo, recuperamos un muíño e estamos nestes momentos centrados co monte”, relata.

 

O activista ten a esperanza de que as persoas propietarias dos terreos que lindan coa zona limpa de 3.000 metros cadrados permitan o paso da brigada para arrincar máis eucalipto. “Queremos reforestar o mes que vén. Farémolo cunhas 10.000 árbores que naceron despois de plantar moita landra o ano pasado após os incendios. Foi unha recolleita na que participamos particulares e tamén centros de ensino e temos todas as sobreiras e os carballos nun viveiro que creamos en fincas de veciñas e veciños”. Macetas, todo tipo de recipientes serven para abeirar a semente da que prenderá o monte autóctono. Para iso as luvas, e as voluntarias e voluntarios de Matamá.