Nacen as Brigadas Deseucaliptizadoras: “Chegou a hora de dicir “basta” e botarse ao monte para tomalo e transformalo”

Lanzaranse publicamente o vindeiro 21 de abril en Froxán. Organizaranse local e comarcalmente e defínense como unha iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade dos montes do país.

A eucaliptización de Galiza é un problema grave. Unha opinión que xa non é exclusiva de ecoloxistas e ambientalistas ou determinados sectores da sociedade galega. Até todo un comité científico do Ministerio de Medio Ambiente vén de recoñecer que esta especie debe de incluirse no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras (RD 630/2013) e ser erradicadas.

 

Perante este problema “chegou a hora de dicer “basta” e botarse ao monte para tomalo e transformalo”. Eis a opinión das Brigadas Deseucaliptizadoras, unha iniciativa que será lanzada públicamente o vindeiro 21 de abril en Froxán. Que son estas Brigadas? Defínense a elas propias na súa web como “una iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización de Galiza”. Impulsadas desde Verdegaia, están abertas a que se sumen outras persoas e coletivos.

 

“Mobilizar, organizar e coordinar”

 

“Teñen como obxectivo mobilizar, organizar e coordenar persoas de todo o País con vontade de realizar accións de voluntariado ambiental en colaboración coas titulares de terreos con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización e outras especies exóticas invasoras”, indican.

 

As Brigadas organízanse de xeito comarcal ou local, sumando grupos de persoas voluntarias baixo unha estratexia, metodoloxía e coordenación común. Cada intervención no territorio é rexistrada nun visor xeográfico que permite o seu seguemento público e cuantificación a longo prazo do impacto do proxecto.

 

As brigadas actuarán naquelas parcelas que se incorporen ao proxecto. “ De xeito previo a cada intervención, as titulares dos terreos forestais deben chegar a un acordo con Verdegaia ou con outras entidades participantes que garanta que os traballos a desenvolver teñan continuidade no tempo e que as árbores autóctonas plantadas se manteñan durante o período mínimo estabelecido”.